Trinta anos

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa | AMariñaXa
Coa nosa VOZ, artículos do escritor Pablo Veiga, que trata os temas de actualidade cun toque persoal e atentendo a esta provincia.
11 Abr 2024

Por Pablo Veiga

Que non son nada, pero madialevan a ser. O domingo vinte e catro de marzo celebrouse a trixésima Feira do Queixo de Friol e Pan de Ousá. É un número considerable de edicións, que de forma ininterrompida foron tendo lugar, agás o ano da pandemia Covid, resultando un evento plenamente consolidado e que se une así a outros moitos que se desenvolven ao longo da nosa xeografía e que enxalzan produtos típicos dunha determinada zona. Previamente, desde o Concello de Friol recoñeceuse nun emotivo acto as queixeiras que foron pioneiras naquel ano noventa e tres, na primeira feira; mulleres que vendían os seus queixos na casa ou nalgún mercado próximo, pero que naquela ocasión foron convencidas para que deran un paso máis e participaran no que sería o xermolo dunha feira que non parou de colleitar éxitos ano tras ano. Unha a unha foron citadas; varias delas tristemente xa faleceron e outras cunhas idades moi avanzadas e coas lóxicas dificultades de saúde. Pero algunhas desas mulleres aí estaban presentes, constatando o seu facer durante todo este tempo. No documental proxectado, observouse a evolución da festa, que sería declarada de interese turístico galego, ao longo destas tres décadas; así, desde uns humildes toldos onde as vendedoras se expoñían ás inclemencias meteorolóxicas, pasouse a unha moderna carpa que dá refuxio aos distintos postos de venda, facilitando o labor das persoas que ofrecen a súa mercancía e a do público que se achega para ver e sobre todo para mercar.

Tanto o queixo como o pan son dous produtos emblemáticos de Friol, un típico municipio do interior galego, caracterizado por unha constante mingua na súa poboación e o conseguinte avellentamento. Iso ten unhas especiais dificultades para asegurar o relevo xeracional na elaboración tanto do queixo como do pan. Aínda así, algúns exemplos convidan ao optimismo, garantindo a continuidade nos vindeiros anos. A incorporación de rapaces e rapazas moi novos, os cales, sendo poucos en número, dilapidan tal entusiasmo e ilusión que cómpre telo en conta e non deixalos esmorecer. É esta xuventude que aposta polo rural a que precisa de todo o apoio habido e por haber para que saian adiante.

As feiras como esta, na que se enxalza un determinado produto –ou máis- supoñen un pulo económico nas localidades nas que se celebra. Por unha parte, facilítase a venda, xa que a asistencia a este tipo de actos adoita ser considerable. Por outra banda, os negocios locais, sobre todo bares e restaurantes, fan o seu particular agosto. E a publicidade cara o exterior do concello en cuestión, resulta evidente.

Pero sempre se debe ir máis aló e que non quede nun só día onde todo é alegría. É necesario aproveitar ese bo facer de mulleres e homes, auténticos heroes da Galicia Rural, a quen non se pode deixar desamparados. Por en valor iso é a misión das distintas administracións, sobre todo a local, e da cidadanía en xeral. Aí estará a clave dun futuro onde se fuxa do fracaso.

0.10581994056702