Turismo de Galicia reforza a súa colaboración coa Mancomunidade do Camiño Francés

SarriaXa
Desde Turismo de Galicia subliñaron a estreita colaboración que se mantivo con esta entidade nos últimos anos, especialmente na promoción do Camiño Francés
Reunión-Mancomunidade-Camiño-Francés
4 Feb 2025
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, mantivo un encontro coa presidenta da Mancomunidade de Municipios Galegos do Camiño Francés e alcaldesa de Triacastela, María Olga Iglesias, para abordar diferentes liñas de cooperación ao longo do ano 2025.

Á reunión tamén asistiron os alcaldes de O Pino, Palas de Rei e Molinaseca, quen destacaron a importancia de seguir impulsando accións conxuntas en beneficio dos municipios polos que transcorre esta histórica ruta de peregrinación.

Desde Turismo de Galicia subliñaron a estreita colaboración que se mantivo con esta entidade nos últimos anos, especialmente na promoción do Camiño Francés, o itinerario máis transitado polos peregrinos.

No ano 2024, esta ruta acolleu 236.380 camiñantes, consolidándose como o principal eixo do turismo xacobeo na comunidade. No que vai de 2025, xa percorreron este camiño 1.532 peregrinos, o que indica unha continuidade na afluencia de visitantes.

Turismo de Galicia reiterou o seu compromiso co Camiño Francés, destacando o seu valor histórico, cultural e económico. Así mesmo, a Mancomunidade de Municipios Galegos do Camiño Francés valorou positivamente a predisposición da Xunta para seguir colaborando na preservación e desenvolvemento deste emblemático percorrido de peregrinación.

0.14061188697815