Últimas horas para inscribirse na Milla Sarria 2025, que despedirá o ano correndo polo centro urbano

SarriaXa
A proba celebrarase o 31 de decembro pola rúa Liberdade e repartirá premios en vales de compra para o comercio local
carreira-pernas
29 Dec 2025

A conta atrás para participar na Milla Sarria 2025 entra na súa recta final. As persoas interesadas en tomar parte nesta clásica cita deportiva de fin de ano teñen ata o 29 de decembro para formalizar a súa inscrición nunha carreira que se disputará o martes 31 de decembro, a partir das 18:00 horas, polas rúas da vila.

A proba desenvolverase nun circuíto urbano en liña recta pola rúa Liberdade. A saída estará situada na entrada de Sarria, na rotonda da estrada procedente de Samos, mentres que a liña de meta quedará fixada á altura do Hotel Roma, convertendo o centro da localidade no escenario principal da competición.

A Milla Sarria 2025 contará con categorías masculina e feminina, con clasificación para primeiro, segundo e terceiro posto en cada unha delas. A participación está aberta a todos os atletas que realicen a inscrición a través das páxinas web www.sarriacorre.com ou www.championchipnorte.com, un trámite que é totalmente gratuíto.

A organización lembra que cada corredor disporá dun dorsal asignado e que a inscrición implica a aceptación do regulamento da proba, incluída a autorización para a publicación do nome e imaxe dos participantes en clasificacións e medios de comunicación. O incumprimento do percorrido, a ausencia de dorsal ou a falsificación de datos persoais suporán a descalificación automática.

En canto aos premios, os gañadores absolutos nas categorías masculina e feminina recibirán vales de compra para gastar no comercio de Sarria: 150 euros para o primeiro posto, 100 euros para o segundo e 50 euros para o terceiro, reforzando así o apoio ao tecido comercial local.

A entrega de dorsais realizarase o mesmo día da carreira, a partir das 16:00 horas, no pavillón dos Institutos de Sarria.

⚙ Configurar cookies
0.071744918823242