Últimos días para matricularse nas escolas infantís da Xunta
A Consellería de Política Social mantén aberto ata o 8 de abril o prazo de matrícula nas 20 escolas infantís públicas autonómicas da provincia de Lugo, que a partir do vindeiro curso serán gratuítas para todo o alumnado.
Deste modo, todas as familias con nenos e nenas de 0 a 3 anos poderán matriculalos sen custo ningún en calquera escola, con independencia da súa titularidade.
Segundo explican dende a Xunta as familias poderán aforrar de media 1900 euros por ter gratis a matrícula e a atención educativa en todas as escolas infantís desde que a Xunta comezou a aplicar en 2020 o custo cero para os segundos fillos e sucesivos.
Coa ampliación desta vantaxe a todos os cativos, Galicia é pioneira en ofrecer a atención educativa gratuíta en todas as fases do ensino.