Últimos días para participar na Carreira da Muller de Sarria
A cuarta edición da Carreira da Muller de Sarria segue en marcha. As persoas que desexen participar na proba, que este ano se desenvolve de xeito virtual pero con percorrido físico, aínda poden facelo durante esta fin de semana.
Os participantes teñen que facer a carreira por libre e subir o tempo empregado á páxina oficial do evento, que é www.sarriacorre.com. O percorrido a realizar é de tres quilómetros, con saída e meta na ponte da rúa Castelao, e os deportistas poderán usar calquera dispositivo para medir ou cronometrar a actividade.
Entre todas as persoas que completen o percorrido, o Concello de Sarria sorteará 25 premios, de 100 euros cada un. Estes premios pagaranse mediante presentación de factura ou facturas, a nome do premiado ou premiada, expedidas por un comercio ou negocio de hostalería de Sarria por un importe total igual ou superior ao importe do premio.
Poderase elixir calquera tipo de establecemento aberto ao público, sempre que estea dentro do límite municipal de Sarria, e quedando excluídas as grandes superficies ou supermercados xestionados por cadeas.
A listaxe dos premiados publicarase na páxina da carreira, así como nas redes sociais e na web oficial do Concello de Sarria. Os gañadores teñen un prazo máximo de dous meses para presentar a factura, salvo causa debidamente xustificada.