Últimos tres días para desfrutar da pista de xeo de Sarria
Últimos tres días para poder desfrutar da pista de xeo de Sarria que leva no Concello dende o pasado 23 de decembro. Esta é unha alternativa de ocio que permite que os veciños poidan desfrutar de plans diferentes e divertidos na vila. A pista de xeo permanecerá ata o próximo 9 de xaneiro.
Pode acceder á pista calquera persoa independentemente da súa idade. Sen embargo, os menores de oito anos terás que ir acompañados dun adulto.
Tan só haberá que presentar un ticket de compra, de data 23 de decembro ou posterior. Cada un dos tickets proporciona o dereito a 30 minutos na pista.
Para garantir a seguridade é obrigatorio o uso de máscara e o mantemento da distancia. Ademais, para evitar danos tamén será preciso o uso de luvas. Por outra banda, recoméndase o uso de manga longa e roupa protectora.
Horario
A pista de xeo estará aberta dende as 11.00 horas a 13.45 e de 17.00 a 21.15. Co fin de evitar aglomeracións establécense sesións de media hora cada unha, sendo a primeira de 11:00 a 11:30, a segunda de 11.45 a 12.15 horas, a terceira de 12.30 a 13.00 horas, a cuarta de 13.15 a 13.45 horas. A primeira sesión de pola tarde, quinta do día, dará comezo ás 17.00 horas ata as 17.30 horas. A sexta sesión, comeza ás 17.45 e finaliza ás 18.15 horas, a sétima será de 18.30 a 19.00 horas, a oitava de 19.15 a 19.45 horas, a penúltima de 20.00 a 20.30 horas e a derradeira dará comezo as 20.45 e porá fin ás 21.15 horas.
Aconséllase acudir 10 minutos antes do horario de cada sesión e será posible, cando as circunstancias así o aconsellen, apuntarse para unha sesión determinada, facilitando os datos ao encargado, con perda da quenda se non se fai acto de presenza 15 minutos antes da mesma.
Esta actividade lúdica é perfecta para fomentar as relacións entre a veciñanza, ao mesmo tempo que se encarga de fomentar as compras nos negocios de proximidade. Ademais, para os máis pequenos, é unha maneira de promover a psicomotricidade fina, traballar no equilibrio e realizar deporte.