Ultreia Et Suseia pecha a súa exitosa terceira edición coa Romaxe do Camiño

SarriaXa
Os veciños de Sarria puideron gozar da participación de Carmela, Eris Mackenzie, Russ e as asociacións culturais locais Peleriños, Meigas e Trasgos e Rúa da Música
festival-ultreia-e-suseia
Un momento do festival
21 Xul 2024

Ultreia Et Suseia, o festival celebrado en Sarria que busca poñer en valor o tecido cultural galego, pechou a súa terceira edición coa Romaxe do Camiño, unha xornada de confraternización cunha variada programación musical na Sociedade da Unión, onde se puido gozar das actuacións musicais de Carmela, Eris Mackenzie, Russ e a Asociación Cultural Rúa da Música, así como dun obradoiro de iniciación ao baile tradicional galego a cargo das asociacións culturais Peleriños e Meigas e Trasgos.

Así se pechan seis días de programación cen por cento galega e fundamentalmente gratuíta, onde Ultreia Et Suseia bateu récord de asistencia e deu un paso adiante á hora de asentarse como un evento referencial no seu campo a nivel galego. Así as Camiñografías, os xa habituais paseos teatralizados que reivindican o patrimonio material e inmaterial de Sarria, contaron coa colaboración de Silvia Mondelo, as Asociacións Culturais Rebuldeira Teatro, Peleriños e os influencers e artistas Pablo Meixe e Pepe e Lucas, o que lles conferiu un carácter global e interxeracional.

Doutra banda, esta edición do festival destacou pola incorporación de formatos novos que foron recibidos con grandes datos de asistencia. Así, os Contos Sonoros, que xuntan narración con música e que contaron coa presenza de Carmen Conde, Celso Sanmartín e as Bandas Municipal e Comarcal de Sarria, foron actividades de gran atractivo para o público local.

Doutra banda, tamén seguiron adiante elementos identificativos de Ultreia Et Suseia, como a narración infantil, onde César No e Bea Campos fixeron as delicias dos máis pequenos, e a programación de comedia, onde o coruñés David Perdomo fixo reír a máis de duascentas persoas no Meigallo.

O evento, coordinado por Etiqueta Negra, conta co Concello de Sarria como patrocinador principal e o patrocinio institucional da Consellería de Cultura, así como a colaboración da área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo. Ultreia Et Suseia busca configurarse como un elemento multiplicador que fomente, recoñeza e expoña o traballo dos axentes culturais e artistas locais á vez que dá visibilidade a propostas culturais galegas referenciais no seu campo e que busca asentarse como un festival de referencia en Galicia.

0.15547800064087