Un apeo de finais do século XVIII que describe a aldea de Ferrería do Incio será o protagonista do Día Internacional dos Arquivos

SarriaXa
Un apeo de finais do século XVIII que describe a aldea de Ferrería do Incio será o protagonista do Día Internacional dos Arquivos
Ferreria O Incio
9 Xuño 2023

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades conmemora esta tarde a partir das 19.00 horas o Día Internacional dos Arquivos coa difusión dun apeo de finais do século XVIII que delimita e describe a aldea de Ferrería do Incio.

Os actos inclúen a presentación do documento orixinal e da publicación coa descrición arquivística, elaborada pola técnica do centro María Díaz Bernárdez para facilitar a comprensión do seu contido e contexto.

O texto corresponde aos protocolos notariais de Sarria e trátase dun apeo de 1789 que describe detalladamente o lugar, incluíndo a ferrería que lle da nome e que está completamente desaparecida. Non quedan restos que permitan localizar o lugar exacto que ocupaba, pero a microtoponimia si se conserva e o documento ofrece pistas para situala.

Con esta publicación, o Arquivo Histórico amplía a serie Documentos singulares, mediante a que divulga textos custodiados no centro, de distinta temática, época e procedencia, que arroxan luz sobre a historia dos municipios e parroquias da provincia.

Contexto

A Ferrería do Incio era unha das moitas que había antigamente na zona (O Incio, A Pobra de Brollón, O Courel, Lóuzara...), o que nos fala da calidade do mineral na provincia de Lugo, que se extraía en explotacións preindustriais. Precisaban de grandes cantidades de leña para fundir o mineral, polo que era fundamental delimitar o territorio no que se podía apañar a leña en exclusiva, e máis cando o territorio está, como era este caso, próximo a poderosos veciños que tamén explotaban o ferro nas súas propias fraguas, como o Mosteiro de Samos.

O texto foi redactado por Pedro Rodríguez Mallo, escribán do número da xurisdición do Incio, da que era titular a Encomenda de Quiroga, e veciño de San Fiz de Rubián. O seu fillo Manuel Rodríguez Mallo tamén foi notario. De feito, este protocolo, o único que se conserva deste notario, non chegou ao Arquivo Histórico desde o distrito de Sarria, senón do de Monforte de Lemos, en 1993, mesturado cos do seu fillo.

Día dos arquivos O Incio
0.1760048866272