Un artigo científico de Pablo Rivera Capón analiza a relación entre Láncara e Cuba
Por Jessica Fernández
Láncara e Cuba sempre mantiveron unha relación moi estreita, porén, esta intensa pero particular relación nunca estivo ben documentada. Por ese motivo, a finais de ano o concelleiro lancarés Pablo Rivera Capón, publicará un artigo científico que leva por título ‘Lazos Migratorios y Vínculos Sociopolíticos: Análisis Diacrónico de las relaciones entre el ayuntamiento de Láncara (Galicia) y Cuba a través de la familia Castro (1875-2022)’.
Tal e como di o resumo, “o estudo investiga a relación histórica entre a familia Castro e o Concello de Láncara, un pequeno municipio lucense vinculado aos líderes cubanos Fidel e Raúl a través do seu pai, un emigrante campesiño. As conexións entre estes actores, aínda que heterodoxas, persistiron ao longo do tempo e tiveron un impacto significativo nos ámbitos político, social e cultural. A través dunha análise cualitativa, a investigación examina a intensidade destes lazos e as circunstancias que deron lugar á súa formación, achegando unha nova perspectiva á comprensión das relacións iberoamericanas a nivel microhistórico, un tema ata o de agora pouco explorado e que pode sumar unha valiosa contribución aos estudos sobre a inmigración española a América Latina”.
A través do artigo, analízanse momentos clave na relación entre o municipio de Láncara co pobo cubano como a visita de Fidel Castro en 1992, o irmandamento en 2004 entre Láncara e o municipio habanero de La Lisa ou a posta en marcha do Centro de Interpretación da Emigración Galega en 2022, “que exemplifican a relevancia das historias migratorias compartidas á hora de tender pontes perdurables entre distintos ámbitos territoriais en múltiples dimensións: política, económica, social y cultural”, explica o autor.
Para entender o momento actual, hai que achegarse ás orixes da relación entre Láncara e Cuba, polo que Rivera fai un repaso pola vida de Ángel Castro, pai de Raúl e Fidel Castro, que naceu na parroquia de San Pedro en 1875 ata que decidiu marchar cara a capital, Madrid, pola “precariedade económica e as limitadas oportunidades de mobilidade social que caracterizaban a Galicia rural de finais do século XIX”, apunta o concelleiro. Pero volve a Galicia para realizar o servizo militar, onde, pouco despois, pola falta de recursos existentes, Ángel Castro decide marchar a Cuba en 1895 con 22 anos, onde se estaba a producir a Guerra de Independencia contra España.
A pesar de volver a Láncara en 1899, a incerteza na súa terra e as posibilidades que Cuba podía ofrecerlle, fixéronlle instalarse en Cuba, onde se converteu nun home de negocios e un importante terratenente. Casou dúas veces e do segundo matrimonio naceron os rebeldes Raúl e Fidel Castro, con outros cinco irmáns e irmás. Ángel Castro morreu en 1956.
MÁIS ALÁ DO SENTIMENTAL
Ademais dese vínculo afectivo de Ángel Castro, instalado en Cuba, coas súas orixes en Galicia, este tamén quixo levar un anaco da súa terra ao seu novo fogar, tal e como analiza no artigo Pablo Rivera, que pon de manifesto a unión das dúas culturas a través da arquitectura e a identidade cultural. Así, di que a familia Castro, “cuxo patrimonio ten a súa máxima expresión tanto na vivenda familiar en Láncara como na súa homóloga en Birán (Cuba), ofrece unha testemuña da herdanza galega e a súa continuidade no contexto caribeño”.
A casa natal de Ángel Castro, en San Pedro, e a paisaxe que a rodea, “axudan a comprender mellor tanto o lugar elixido por Ángel Castro para establecerse en Cuba como o deseño da casa de Birán”.
Na actualidade, a casa, que se atopa totalmente rehabilitada, alberga o Centro da Interpretación da Emigración Galega. Ademais, ten incrustada na súa fachada principal unha tarxeta conmemorativa realizada polo escultor cubano José Delarra na que está gravado o seguinte texto: “En esta casa en 1875 nació Ángel Castro Argiz, gallego que emigró a Cuba, donde plantó árboles que aún florecen”.
Pero a construción das casas non é só o motivo polo cal Láncara e Cuba desenvolveron as boas relacións que manteñen na actualidade, senón que outro fillo de Ángel Castro, menos coñecido que os revolucionarios, Ramón Eusebio Castro, foi o primeiro en volver sobre os pasos do seu pai e visitou a casa de Láncara cinco meses antes do triunfo da Revolución, en 1958.
Case tres décadas despois, en maio de 1983, Ramón regresou a Láncara para gozar da gastronomía galega e percorrer as rúas do municipio, “reafirmando deste xeito o profundo apego e interese por conectar coa orixe da súa familia, un fenómeno común na diáspora e os movementos migratorios”, tal e como sostén o concelleiro. Este sería a última viaxe por terras lancaresas, aínda que a tradición de manter lazos coas súas raíces galegas foi continuada polos seus fillos.
ESFORZOS POR MANTER A UNIÓN
No artigo, Pablo Rivera fai fincapé na vontade de manter viva a unión polo que menciona a visita realiza por unha delegación do Concello de Láncara á Habana en marzo de 1992, aproveitando o contexto de achegamento entre España e Cuba tras a visita de Fraga Iribarne un ano antes. Nesta viaxe, o alcalde, Eladio Capón, convidou a Fidel Castro a coñecer o lugar no que naceu o seu proxenitor e comunicarlle a decisión unánime da corporación municipal de outorgarlle o título de Fillo Adoptivo.
Así, o 28 xullo de 1992, a casa do Concello da Pobra de San Xiao acolleu a chegada de Fidel Castro, que foi recibido polo alcalde de Láncara, Eladio Capón, e polo presidente da Xunta de Galicia, Manuel Fraga, para facerlle entrega do título de Fillo Adoptivo. Nesa visita, Fidel deixou escritas no libro de honra unhas palabras de agradecemento que se atopan custodiadas na casa do concello “como un dos seus grandes tesouros”, explica Rivera.
Outro dos achegamentos tivo lugar en 2001, cando unha representación lancaresa visitou de novo La Habana, sendo recibidos por Fidel Castro. Porén, o irmandamento oficial entre Láncara e La Lisa chegou en novembro de 2004, nun acto celebrado en Cuba; e, un ano despois, en outubro de 2005, unha expedición de La Lisa viaxou a Láncara “co obxectivo de reafirmar a irmandade entre as localidades”. Ademais, Raúl Castro, visitou a casa do seu pai en San Pedro en maio de 2005. A última expedición relevante desta etapa inicial de consolidación foi a de Láncara cara a Cuba en outubro de 2006. A partir deste ano, a intensidade de visitas reduciuse ata 2015, cando se produciu “un novo impulso nas relacións entre Láncara e Cuba”, explica Rivera Capón.
Así, o 15 de novembro de 2015, o embaixador cubano en España, Eugenio Martínez e o tenente de alcalde de Láncara, Pablo Rivera -autor do estudo-, reuníronse en Madrid co fin de retomar colaboracións pasadas e abordar novas vías de cooperación entre ambas partes. O alcalde de Láncara nese momento e na actualidade, Darío Piñeiro, decidiu elevar o pleno municipal unha iniciativa para que o presidente cubano, Raúl Castro Ruz, fora declarado Fillo Adoptivo de Láncara, proposta que se aproba por unanimidade, o que promoveu unha visita de representantes do goberno cubano a Láncara.
O 25 de novembro de 2016, morre Fidel Castro Ruz e o alcalde de Láncara, Darío Piñeiro, decide promover unha ofrenda floral en memoria do expresidente cubano fronte á casa de pedra onde naceu en 1875 o seu pai, Ángel Castro. “Estes xestos contribúen a construír identidades e a transmitir mensaxes que axudan a comprender mellor a profundidade e a intensidade das relacións entre ambos os territorios”, defende Pablo Rivera Capón.
Neste momento, explica o concelleiro lancarés, “as relacións son tan sólidas tras décadas de irmandamento con clara implicación emotiva, que ata o propio goberno cubano convidou a Darío Piñeiro a participar nos actos polo funeral do líder da Revolución xunto coa comitiva española, aínda que finalmente non puido asistir por falta de tempo para xestionar a viaxe”.
Na actualidade, seguen vivas e prolíficas as accións que promoven a continuidade da relación entre Láncara e Cuba, con asiduas visitas de delegacións de diferentes ámbitos de Cuba a Láncara, como a recente visita embaixador cubano Marcelino Medina a Láncara, onde se fixo unha homenaxe ao político cubano José Martí.