Un Bernini discreto

RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa | AMariñaXa
Achégate á música clásica da man de Rebeca Maseda, que narra dende preto, historia, cultura e paixón por esta arte.
rebeca maseda fotos nueva 2022
11 Sep 2023

Por Rebeca Maseda

“A beleza perece na vida pero é inmortal na arte”
Leonardo Da Vinci

Son as nove e media da mañá, rematei de almorzar no meu hotel en Roma e saio camiñando baixo un ceo totalmente azul e cun calorciño que xa case aperta. Por Via Flavia a xente comeza unha nova xornada; camareiros e camareiras colocan manteis a cadros nas mesas das terrazas para a hora do xantar, repartidores e repartidoras apuran os últimos minutos de carga e descarga e un funcionario fuma un cigarro con certo apuro diante dun Ministerio. É dicir, un día máis no caos romano. Eu continúo abstraída co meu paseo. Xiro á esquerda e alí está, unha igrexa sinxela e pequena que pasa totalmente desapercibida no medio da fartura patrimonial de Roma. Incluso a madeira das portas está algo desaliñada: Santa Maria della Vittoria. Fascinante, non hai ninguén facendo cola para entrar. O turismo de masas pendura entre a Fontana di Trevi, o Coliseum e catro sitios máis, alleo ao tesouro que agocha ese lugar máxico. Unha das máis grandes obras de arte da cultura occidental: L’Estasi di Santa Teresa de Gian Lorenzo Bernini (1598-1680).

Como a gran maioría, eu xa vira imaxes de tan ilustre escultura, pero poder sentarse tranquilamente e admirala con todo luxo de detalles a tan só uns poucos metros de distancia é outra experiencia ben distinta... A verdade, quedei sen palabras.

É completamente necesario enmarcar a escultura no contexto espacial na que se atopa, a chamada Capela Cornaro, encargada polo cardeal Cornaro en 1647. Estamos a falar dunha capela familiar na cal podemos identificar aos distintos membros dos Cornaro representados. Esta construción é moi importante no ámbito do barroco xa que consegue unha total integración das artes, obtendo unha composición perfecta. A capela organízase -seguindo a teatralidade típica da época- a modo dunha escena teatral: Aos lados e situados en tribunas, a familia Cornaro asiste á escena da éxtase mentres conversan entre eles de maneira animada.

A escultura de Santa Teresa atópase no centro, aloxada nunha hornacina formada por columnas aos lados e coroada por un dintel curvado que achega movemento á escena. Trátase, polo tanto, dun verdadeiro escenario (o propio Bernini xa tiña experiencia traballando no deseño de escenarios). Toda a capela está realizada en mármore de cores e tipos diferentes, en total máis de vinte variedades, o que o converte nun proxecto moi rico, custoso e luxoso.

Esculpida na súa totalidade en mármore branco, Bernini sabe captar á perfección o sutil movemento tanto das vestimentas da santa -caracterizadas por ese encartado barroco que tanto repite o mestre escultor-, como do vaivén do anxo; imprimindo deste xeito un carácter etéreo á composición.

Trátase dunha escultura tremendamente expresiva que é capaz de emocionar ao espectador debido ao gran talento que ten Bernini para crear non só unha obra de arte que fale por si mesma, senón todo un ambiente; un conxunto de luces, cores e formas diagonais no que calquera pode verse mergullado.

Esta peza constitúe unha auténtica icona da escultura barroca italiana no seu foco romano, xa que concentra todos os ingredientes deste movemento artístico. Pero ademais, acabou dando lugar a unha nova corrente iconográfica en torno á figura de Santa Teresa, converténdose nunha fonte de inspiración constante para futuros artistas.

Que delicia perderse polas rúas de Roma e descubrir paraxes incribles e arte en cada recuncho da cidade. Si, o mundo non remata cos catro puntos sinalados en grande en Google Maps... Vai un pouco máis alá e crea a túa propia lista de imprescindibles!

Foto Artigo setembro'23
0.14322400093079