Un ciclo de cine sobre o Camiño celebrará os 200 anos do concello de Paradela
O Concello de Paradela vén de organizar un ciclo de cine sobre o Camiño de Santiago dentro da celebración dos seus 200 anos como concello. Coa colaboración do Colectivo Egeria e o Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá, o ciclo de cine exhibirase na Casa da Cultura Manuel Rodríguez López.
As catro películas seleccionadas para proxectarse en Paradela son O Apóstolo (2012), The way (2010), Al final del camino (2009) e Buen camino (2003).
Así, a primeira sesión terá lugar mañá, 3 de xuño, ás 10.30 horas e irá dirixida aos alumnos do CEIP San Miguel que acudirán ao centro cultural de Paradela acompañados do seu profesorado. A duración da proxección será de 84 minutos.
O APÓSTOLO
O Apóstolo é a primeira longametraxe de animación do director galego Fernando Cortizo, a partir de figuras de plastilina. A película, ambientada no Camiño de Santiago, mergúllase nas tradicións e mitos de Galicia. O protagonista, que ven de saír do cárcere, tenta descubrir un tesouro que se agochara moitos anos atrás, pero no camiño que segue sofre aparicións de fantasmas, feitos e xentes que o perseguen por onde vaia…
As voces que dan vida ás imaxes son de Carlos Blanco, Xosé Manuel Olveira “Pico”, Jorge Sanz, Celso Bugallo, Geraldine Chaplin, Luis Tosar e Paul Naschy.
Entre outros premios, O Apóstolo foi Mellor Película en Expotoons 2012, Premio especial do Xurado en Fantasporto 2012, mellor película de animación en Monterrey 2013, mellor película en Marsella 2012 e gañadora de 6 premios Mestre Mateo en 2013.