Un dragón de cores animará o pasarrúas do Mercadiño Solidario Malicounda Teranga

SarriaXa
A actividade, pensada para o desfrute tanto dos máis pequenos como das persoas adultas, comezará ás 12:00 horas no paseo do Malecón e rematará na Praza da Vila
dragon-de-cores-sarria
1 Jun 2025

A ONG Hospitaleros sen Fronteiras, con sede en Sarria, celebrará o sábado 7 de xuño unha nova edición do seu mercado solidario de temática africana, ‘Malicounda Teranga’, que este ano cumpre o seu cuarto aniversario. O evento desenvolverase durante toda a xornada, entre as 12:00 e as 21:00 horas, na Praza da Vila, e ofrecerá unha ampla variedade de actividades culturais e lúdicas para todas as idades.

Tras o éxito colleitado en convocatorias anteriores, a organización reforza a súa aposta convertendo o encontro nunha cita fixa no calendario cultural do municipio. Nesta ocasión, o market contará con postos de roupa, libros, complementos e xoguetes de segunda man, ademais de pezas de artesanía senegalesa traídas do último desprazamento solidario da ONG: tecidos típicos, bolsos, monedeiros, obxectos decorativos e cestería, entre outros.

A xornada arrincará cun pasarrúas ás 12:00 horas, que partirá do Malecón guiado por un dragón feito con globos de cores. Esta figura chamativa encabeza un desfile no que poderá participar quen queira, sen importar a idade, e que conducirá ao público ata a Praza da Vila.

Ás 13:00 comezará a sesión vermú, amenizada pola charanga local Louband, que transformará a praza nun espazo de baile ao ritmo da súa música festiva. A actividade musical combinarase cunha proposta gastronómica que inclúe a degustación do Yassa Poulet, un prato tradicional de Senegal elaborado con arroz e polo, e empanada senegalesa.

A partir das 16:00 horas, será a quenda para a artesanía participativa, cun obradoiro de cestería en vivo que se prolongará ata as 20:00 horas. Esta actividade permitirá ás persoas asistentes coñecer técnicas tradicionais e colaborar no proceso.

O apartado escénico comezará ás 17:00 horas cun espectáculo de maxia e humor para público familiar a cargo do artista J. Carrón. A música tradicional chegará da man da Agrupación Cultural Peleriños, que actuará ás 18:00 horas, e como peche da festa, ás 19:00 horas, o DJ Min porá a banda sonora final cunha sesión de temas actuais e bailables.

O nome do evento, ‘Malicounda Teranga’, fai referencia tanto a unha das rexións onde traballa a ONG como á palabra “teranga”, que en Senegal simboliza unha hospitalidade xenerosa e integradora, que transcende etnias e relixións, e que se expresa nun profundo sentimento de comunidade.

Durante toda a xornada, Hospitaleros sen Fronteiras contará cun stand informativo onde presentará os seus proxectos actuais, especialmente a finalización dun centro multifuncional con aulas e enfermaría na zona de Malicounda, e a súa loita a prol dos nenos talibé, menores que sofren exclusión e vulneración de dereitos en Senegal. A ONG traballa nesta causa dende o ano 2015.

⚙ Configurar cookies
0.16030192375183