Bruno Tarnecci, o Mago Iago, Román García e Roberto Lolo desgranan o Festival Internacional de Maxia

SarriaXa
Falamos co organizador do Festival Internacional de Maxia Vila de Sarria, Roberto Lolo, e con tres dos artistas e magos confirmados nesta edición: o Mago Iago, Román García e Bruno Tarnecci
Festival-Internacional-de-Maxia-Vila-de-Sarria-2023
18 Ago 2024

Por Jessica Fernández

O Festival Internacional de Maxia Vila de Sarria cumpre este ano 19 edicións consecutivas nas que o seu promotor, Roberto Lolo, achega a maxia á vila da man dos mellores artistas e magos do ámbito nacional e internacional.

Como xurdiu a idea de organizar este festival?

Eu, que son de Sarria desde os 5 anos que cheguei de Suíza, sempre sentín amor pola maxia e por calquera arte que supuxera entreter á xente. Por iso, de adolescente comecei a traballar como DJ la noite da vila sarriá e encantábame ver á xente desfrutar coa música, pero compatibilizaba iso cos espectáculos de maxia, ata que decidín profesionalizarme, grazas a Román García que me introduciu neste mundo e o trouxen a actuar aquí. Ao ver como respondía o público sarriao, propúxenlle facer un festival de maxia e, ao tirar de contactos, comezamos a traer a magos. Ata hoxe, podemos dicir que trouxemos aos mellores magos recoñecidos internacionalmente e así se foi creando un Festival recoñecido por todos, pero o máis importante é que o desfruta a xente de Sarria, xa que eu o organizo como agasallo para toda a xente desta vila na que me criei e á que tanto quero. É unha forma de devolverlle o cariño á xente de todos estes anos. Ademais, cabe destacar o apoio do Concello de Sarria, da Xunta de Galicia e de todos os establecementos que colaboran para facer posible todo isto.

Nesta edición, que se celebra os vindeiros 22, 23, 24 e 25 de agosto, serán 21 os profesionais da maxia os que sorprenderán a veciños e veciñas, así como ás persoas que se acheguen a desfrutar do evento. Desta maneira, estarán Er Mago Antonio, que virá por primeira vez desde Chiclana de la Frontera; José Antonio El Barón, tamén por primeira vez; o arxentino Christian Miró, o ilusionista arxentino Mariano Goñi, Miguel Ángel Gea, Deimi Varela, que estará por primeira vez tamén; o Mago Paco, Judith Trilirí, Daniel Sánchez, Jessica Guloomal e Bruno Tarnecci, que tamén estará por primeira vez. Pero tamén haberá magos que están comezando no mundo da maxia, como Imanol, MagAldara, Magic Mateo, Alvart e o Mago Iago. (faltan 4)

Como evolucionou o festival?

O festival medrou dunha forma incrible. Os primeiros anos tiñamos a 4 ou 5 artistas e o festival duraba dous días, pero ao ver como lle gustaba á xente, comezamos a traer a máis magos e aumentamos os días a 4, todo isto pola demanda e o cariño que nos mostrou sempre o público. Cada vez vén máis xente, e polo tanto traemos artistas máis importantes e internacionais que chegan de todas partes do mundo, creando un ambiente máxico. Así, é un festival propio de Sarria e somos todos unha familia. Eu vexo á xente feliz e gozando dos espectáculos e iso é o máis importante, que os nenos crezan coa maxia e que a xente sexa feliz e desfrute. Espero que se manteña esta harmonía e felicidade nesta edición e na seguinte, na que cumprimos 20 anos, xa estamos preparando algo especial, único e diferente.

 

Pola súa parte, Román García, mago da Coruña que leva toda unha vida dedicada á maxia, forma parte da organización deste festival desde o primeiro día.

Roberto Lolo sempre lle presenta como o seu mestre, considérase así?

A min paréceme que o di con cariño e non lle quero quitar a razón. Cando me coñeceu eu xa levaba moitos anos no mundo da maxia e deille un pulso para profesionalizarse e coñecer o mundo desde dentro. É un pracer ter compartido tantos anos con el e aquí no Festival Internacional de Maxia.

Leva 19 anos apoiando este festival, por que?

Cando coñecín a Lolo, el viume nun número de maxia de Luis Piedrahita. Veu presentarse e pediume vir a Sarria a facer un espectáculo e fun por primeira vez en 2004. Ese mesmo ano, díxome que quería facer un festival e que eu estivera presente e así foi e seguín formando parte do cartel as seguintes edicións porque Lolo sempre contou comigo e eu encantado. Eu pásomo fenomenal, tanto como mago como co público, e ademais veñen magos de referencia nacional e internacional e serve para aprender deles tamén.

Cal é a súa historia de amor pola maxia?

Sempre me gustou a maxia, pero todo xurdiu cando con 14 anos coincidín con Luis Piedrahita, que estudabamos no mesmo colexio, nun campamento e comezamos a levarnos ben e el, ao mercar uns fascículos do mago Tamaris, Luis comezou a aprender maxia e logo enterámonos de que viñera a Coruña a facer unha cea homenaxe. Vimos que había unha asociación de magos na Coruña e unímonos e comezamos a coñecer todo o mundo da maxia e a aprender, a ir a congresos de magos e concursos; e así avanzamos.

 

Outro dos magos que levan acompañando en diversas edicións a Roberto Lolo neste festival é o Mago Iago, de 11 anos pero que actuou no Internacional de Maxia Vila de Sarria aos 5 anos, polo que esta será a sexta vez que participe do evento.

É a sexta vez que actúa neste festival, como se sente ao facelo?

Aquí en Sarria síntome moi acollido por todo o público que é marabilloso e máis ao estar con magos con tanto nivel como os que veñen, dos que aprendo e o paso moi ben. Para min é un auténtico privilexio estar nun festival dese nivel e compartir vivencias e escenario con fenómenos da maxia. “Para un neno é un soño. Independentemente da tensión, é unha marabilla e un motivo para seguir traballando no mundo da maxia” (engade o seu pai, Iván).

Como xorde a idea de facer maxia?

Eu empecei na maxia cando tiña 3 anos, sempre quixen ser mago e Roberto Lolo descubriume nun concurso e me convidou a participar do Festival con 5 anos. Desde aquela, sigo todos os anos porque ao público gústalle o que fago e sácolles un sorriso. Este ano estamos barallando 2 ou 3 xogos de maxia, pero despois de 5 anos é difícil innovar, pero intentar sempre facer cousas novas en Sarria que o público o merece. Teño moitas ganas porque o público sempre nos trata marabillosamente e iso é satisfactorio e gratificante, como unha recompensa do esforzo ao facelo ben.

 

Finalmente, Bruno Tarnecci virá desde a súa terra natal, Perú, para deleitar ao público coa súa maxia por primeira vez na vila, destacando polos diversos recoñecementos a nivel internacional que premian unha vida dedicada á maxia.

Por primeira vez no Festival, como se sente pola oportunidade?

Estou contento de poder traballar e levar a miña arte, a miña proposta, a miña maxia a diversos lugares do mundo. Conto con 23 anos de experiencia e para min é un pracer e unha sorte viaxar por distintos lugares do mundo e presentar a miña proposta para que á xente lle guste o meu traballo. Non coñezo Sarria pero seguro que é xenial porque nos festivais de maxia hai boa onda e enerxía, e compartimos co público e tamén entre os magos. Aprendemos moito, nunca se deixa de aprender.

Como xorde o amor pola maxia?

Desde moi pequeno, eu tiven a sorte entrar na escola de circo en Perú con 13 anos, onde me empapei de diferentes artes como o teatro, a maxia, o circo, a música... e facer outras artes serviume para a vida. A maxia non só entretén, senón que tamén educa. A partir dos 21 decidín dedicarme á linguaxe da maxia e levo 23 anos nos que tiven premios internacionais, viaxei moito e abrín o espectro para coñecerme e atopar a miña propia linguaxe.

Pode desvelar algúns xogos de maxia do seu espectáculo?

Eu o que fago é maxia de elementos cotiáns como un bastón, un reloxo de area, unha pluma, cadros, un pano, unha chistera... un pouco de maxia clásica levada á maxia do elemento contemporáneo e maxia de escenario como técnica. Utilizo elementos de forma libre e doulles maxia. En Sarria, concretamente, vou facer un xogo cun bastón e outro cunha lanterna. O meu enfoque na maxia é poético e visual e espero que lle sorprenda á cidadanía da vila.

 

CONSULTA TODO O PROGRAMA

0.1804838180542