Un grupo de veciños pon en marcha a Plataforma Sarria Aire Limpo

Nace a Plataforma Sarria Aire Limpo, un grupo de veciños e veciñas da comarca de Sarria “preocupados pola preservación dun medio natural limpo e saudable para as nós e as vindeiras xeracións”. Así o explican os promotores, que destacan que a plataforma xorde tras o anuncio da creación dunha planta para xerar combustible sólido (CSR) a partir de residuos no núcleo urbano de Oural e a incineración destes residuos na cementeira da localidade.
Actualmente o proxecto atópase á espera de resolución na Xunta de Galicia da Autorización Ambiental Integrada e critican que o Concello de Sarria, a pesar das insuficiencias do proxecto, se negue a presentar alegacións.
“A queima de residuos xerará perigosos tóxicos que, non só irán ó aire que respiramos, tamén se depositarán na terra e a auga contaminando os nosos alimentos e a auga que bebemos; o cal, de acordo coa evidencia científica, terá graves repercusións no medio ambiente e a nosa saúde”, denuncian.
Por iso, din que “toda a veciñanza debe unirse e esixir que prevaleza a protección da nosa saúde e a calidade do medio no que vivimos por riba dos intereses económicos de grandes empresas contaminantes que non respectan os nosos recursos naturais nin a saúde das persoas que aquí vivimos”.
O PROXECTO DE VOTORANTIM
Desde a Plataforma explican que o proxecto de Votorantim consiste na creación dunha planta para a trituración e cribado de máis de 100 tipos distintos de residuos industriais e urbanos non reciclables, cunha capacidade de tratamento que irá ata as 163.800 toneladas/ano.
Eses residuos son o papel, cartón, plástico pero tamén de disolventes, pinturas, refino de petróleo, lodos de depuradoras industriais, distintas siliconas, tóner, tintas, etc. Ademais do procesamento, o proxecto recolle que o combustible tamén vai a ser usado na planta de cementos de Oural.
Así, o que lles preocupa, sosteñen, é que usar CSR producido implica queimar ou incinerar ese combustible, provocando emisións contaminantes moi perigosas: dioxinas, furanos, metais pesados, óxidos de xofre, óxidos de nitróxeno... o que se relaciona con importantes efectos adversos para a saúde e o medio ambiente.
Ademais, na actualidade, Oural presenta os peores datos de Galicia en contaminación do aire por dióxido de xofre así como en concentración de chumbo, arsénico, cadmio e níquel.
“Con todo, o proxecto non fai ningunha mención aos impactos que puideran derivarse da queima destes residuos”, polo que queren saber o impacto real sobre a saúde e o medio ambiente de ampliarse a actividade da fábrica de Oural ao procesamento e combustión destes residuos.
Tamén esixen coñecer cal vai ser o futuro da fábrica de cementos de Oural e por que “o Goberno local de Sarria se nega a solicitar á Xunta a inadmisión a trámite do proxecto a pesar das insuficientes explicacións que dentro do mesmo dan para calibrar os impactos da devandita ampliación da actividade da fábrica”.
No pleno municipal do mes de decembro PSOE e o BNG presentaron conxuntamente unha moción para pedirlle ao Concello de Sarria que presentara alegacións e que falara coa Xunta de Galicia para pedir a inadmisión do proxecto da empresa Votorantim, xa que a fábrica “non debería estar nun núcleo habitado como é o de Oural”, sostiveron.
Como contestación, o alcalde, Claudio Garrido, defendeu o proxecto, explicando que a planta vai clasificar, triturar e almacenar residuos non perigosos e que non poden ser reciclados de maneira convencional, pero que non van “combustionar nin transformar quimicamente”.