Un oso, a nova escultura de Eugenio Linares para o CEIP de Triacastela

O artista Eugenio Linares está a realizar unha escultura de madeira nas instalacións do colexio de Triacastela. A obra, que aínda non está rematada, xa comeza a revelar o seu deseño e simbolismo.
Esta escultura forma parte dun proxecto máis amplo de renovación e mellora dos espazos do centro educativo, que se centra principalmente na entrada do colexio e no patio principal.
Entre as actuacións xa realizadas destacan o mural exterior, os xogos inclusivos no porche, o mural da entrada financiado pola ANPA, así como o Horto do Oribio. A escultura do oso únese agora a este conxunto de intervencións, ás que se engadirán outras novidades nas vindeiras semanas.
O animal representado na escultura foi elixido pola súa relevancia histórica na contorna, especialmente na Serra do Oribio, onde a presenza do oso tivo un forte impacto no pasado.
De feito, a escasos dous quilómetros do colexio localízase unha alvariza museo que reflicte esta convivencia entre a fauna e os habitantes da zona.