Unanimidade na comisión de Agricultura para loitar contra a rata toupa

LugoXa | SarriaXa
O BNG acada un acordo unánime para controlar a praga da rata toupa na montaña de Lugo e impulsar novos pastos nas zonas afectadas.
Carme Aira
3 Jun 2022

O BNG vén de acadar un acordo, no Parlamento Galego, para controlar a praga da rata toupa na montaña de Lugo así como en outros territorios afectados.
A través dunha proposición non de lei, a deputada nacionalista, Carme Aira, demandou un “plan de choque urxente” para controlar esta praga. Unha moción que acadou o apoio unánime da comisión de Agricultura.

O acordo establece, entre outras cousas, intensificar as medidas técnicas precisas para o control da praga da rata-toupa na montaña lucense.

Ademais, reclama seguir os trámites precisos para a declaración de esta especie como praga, co fin de ampliar as ferramentas destinadas ao seu control que “non ao seu exterminio” e incluír, no Plan de Pastizais de Galiza, e con carácter prioritario, impulsar novos pastos nos Montes veciñais en Man Común nas zonas afectadas.

A proposición pide tamén que se inicien actuacións de mellora e mantemento nos xa existentes, como medida de compensación pola perda de forraxes e de control desta especie.

A nacionalista explicou que esta especie autóctona vivía dos pastos das zonas altas de montaña en galerías subterráneas alimentándose maiormente de raíces e controladas polos balados por zonas de monte entre parcelas que dificultaban a escavación de galerías e pola presenza das vacas.

As pasteiras no Monte Veciñal en Man Común e o cambio climático contribuiron a que estes pastizais actuaran como reservorio de reprodución da especie e a súa extensión sen control.

Agora, engadiu a deputada nacionalista, levamos 3 ou 4 anos cun incremento sostido destes animais afectando a concellos como Navia, As Nogais, Pedrafita, Triacastela, Samos, Folgoso do Caurel e, recentemente estendido, á Fonsagrada e ameazando ó Incio e Sarria. Estímase que existen “1.000 exemplares por hectárea”, que se reproducen 5 veces por ano a razón de 6 crías por camada.

Tras o trampeo para a súa captura mecánica para o que repartiron 4.000 trebellos entre máis de 100 agricultores computáronse 30.000 capturas no ano 2021.
Ante o grave problema provocado pola “falta de control e reprodución da especie”, Carme Aira propuxo chegar a un acordo para establecer e intensificar as medidas técnicas de control da praga da rata toupa na montaña lucense e unha compensación polas perdas  nas granxas tradicionais e explotacións familiares. Neste sentido, indicou que as perdas “son moi numerosas” e afectan “ao 60% da produción”, concluíu.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.14919900894165