Unha discutida volta ás aulas

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
ducación presentou un avance do novo plan para este curso, moi criticado por incrementar as ratios e reducir profesorado de novo
1colexio escola nenos covid
5 Sep 2021

Educación presentou un avance do novo plan para este curso, moi criticado por incrementar as ratios e reducir profesorado de novo

Chegado o mes de setembro, os colexios comezan a súa actividade despois da experiencia adquirida o curso académico pasado e, segundo a Xunta, con máis seguridade grazas ao avance da vacinación. De feito, o alumnado maior de 12 anos terá a pauta de vacinación completa na semana do 13 ao 19 de setembro que, xunto ao profesorado xa inmunizado, iniciarán un novo ano escolar.

Dende a Xunta sinalouse que será preciso revisar as diferentes medidas impostas dependendo da evolución da vacinación e do avance da situación sanitaria.   

Así mesmo, tamén se sinalou que os membros afectados pola covid no curso pasado foi dun 3,7% do total de integrantes da comunidade educativa, por debaixo do conxunto da poboación galega.

Considérase, por esta razón, que o protocolo e que os sistemas de prevención foron efectivos e lograron que o curso avanzara correctamente.

Sen embargo, algo que denuncia a Xunta é o feito de que non se estean dando axudas necesarias para facer fronte aos custos que a pandemia supón para as comunidades autónomas. A contratación de docentes, así coma o reforzo do servizo de limpeza son algúns dos exemplos que poñen dende a Xunta e que supón un sobre custo importante.

Por outro lado, hai que lembrar que neste novo curso educativo continuará en funcionamento o Comité Educativo, no que se atopan membros e expertos da comunidade escolar que avalían e toman decisións sobre aspectos educativos relacionados coa ensinanza no marco da pandemia. A pesar disto, as ratios e as distancias de seguridade son cuestións postas polo Goberno central e, segundo defende a Xunta, Galicia -xunto con Extremadura- ten a mellor ratio alumno/profesor de España -9,2 fronte ao 11,3 que existe de media estatal-.

En canto aos docentes, dende a Xunta anunciaron que chegarán 1.250 de reforzo a través do Plan Recupera e, de feito, afirman que o persoal laboral destinado ao desenvolvemento de dito plan son máis ca o ano pasado. Continúan explicando que dende o Ministerio de Educación e FP diminuíron a axuda para o programa PROA -Plan de Reforzo, Orientación e Apoio-, e que, sen embargo, engadiranse os docentes que sexan precisos para o cumprimento das medidas sanitarias.

O obxectivo de este programa, segundo a Xunta, é detectar as necesidades de aprendizaxe xeradas a partir da pandemia, así coma mellorar o rendemento académico a través de recursos didácticos pedagóxicos para o traballo docente.

Ademais, recordaron que os centros educativos puideron solicitar dito plan a través dunha convocatoria realizada no mes de xuño. Por esta razón, no mes de setembro resolverase para que os 1.250 docentes poidan incorporarse aos centros educativos.

REFORZO EDUCATIVO

Sen embargo, moitas das cuestións reflexadas pola Xunta non se comparten dende o BNG de Galicia. Así pois, consideran necesario reforzar o sistema educativo e consideran que os recortes da ensinanza pública corresponden a unha “decisión ideolóxica” do Goberno do PP da Xunta.

Así mesmo, defenderon que este curso estará marcado pola pandemia, polo que consideran necesaria a contratación de mil docentes máis ca o ano pasado. Ademais, sinalan que é preciso reducir as ratios a 20 escolares en infantil e primaria e a 25 en secundaria.

De feito, estas son medidas que esixiron despois de denunciar que o PP “pretende recortar máis de 1.600 profesores e profesoras no ensino público como confirma o DOG e a propia Xunta de Galiza. En Secundaria, a falta da publicación definitiva do CADP -Concurso de adxudicación de destinos provisionais-, sabemos que a inspección e as xefaturas territoriais xa comunicaron aos centros a perda dun total de 435 profesores a respecto do curso pasado”.

Ademais, lembrouse o peche de centros de ensino públicos dende o ano 2009 -138 en total-. Por esta razón, o BNG lamenta o incremento de financiamento de ensino privado e recorte na educación pública.

Por outra beira, o concelleiro de Educación e Difusión do Coñecemento no Concello de Lugo, Felipe Rivas, sinalou que é preciso a publicación dos protocolos sanitarios definitivos para este inicio de curso xa que son precisos para coñecer a situación das actividades extraescolares, así coma do comedor e de outras cuestións. De feito, segundo Rivas, o ano pasado viviuse unha situación “de cambios de protocolo na semana anterior ao inicio do curso. Un ano despois vemos como a Xunta segue improvisando o inicio de curso”. 

As esixencias dos sindicatos

Non faltan as voce que poñen en dúbida as novas medidas da Xunta para o curso que comeza.

COMISIÓNS OBREIRAS

Así pois, a Federación do Ensino de CCOO de Galicia considera un erro o “relaxamento” das medidas covid nas aulas da comunidade. De feito, dende o sindicato denuncian que “é un corta e pega do protocolo do 4 de novembro do ano pasado, pero empeorado”.

Un dos cambios é o da distancia social, algo que non defenden xa que o consideran coma unha forma de aumentar ratios, diminuír o emprego e aumentar a inseguridade nas aulas e, de feito, enténdeno coma un “criterio economicista”.

Desta forma, sinalan que é preciso a contratación de máis persoal docente xa que o ano pasado foi “insuficiente, especialmente en infantil e primaria”. Ademais, reclaman un maior número de persoal de limpeza para reforzar a seguridade e conseguir unha ensinanza segura e de calidade.

CIG ENSINO

Outro dos sindicatos que deu a coñecer a súa posición en relación a estas medidas de prevención no ámbito da ensinanza foi a CIG Ensino que defende que, despois de coñecer a situación e da experiencia do ano pasado, “estas decisións non responden a criterios científicos”.

Así pois, consideran que a redución de distancia social é un problema xa que os casos aínda son altos e, sobre todo, na mocidade. De feito, a CIG Ensino e CCOO concordan en que reducir o distanciamento é unha forma de aumentar o aforo nas aulas e, desta maneira, reducir o profesorado e con el, o investimento en educación. Cualifican de “falacia a afirmación do conselleiro de Educación de que as aulas galegas teñen as ratios máis baixas do Estado”. Ademais, critian “ese xogo de trileiros de usar ratios medias sen ter en conta a dispersión xeográfica e a alta incidencia de centros educativos no rural”.

Por outra beira, consideran que o que se debe de facer en infantil e en primaria é “limitar ao máximo as ratios e, como mínimo, manter todos os desdobres autorizados no curso pasado, así como as contratacións de profesorado e apoio necesario”. Desta maneira tamén denuncian que coa pandemia é unha agresión ao ensino público ter que pechar aulas e reducir docentes.

Animan á comunidade educativa a denunciar os recortes que se están a producir e a esixir o mantemento dos cadros docentes en todas as etapas educativas, así coma non superar as ratios do curso pasado.

Medidas para o curso escolar 2021/2022

Os colexios de infantil e primaria en Galicia continuarán co protocolo anticovid que se centrará en varios puntos fundamentalmente.

En primeiro lugar, as máscaras continúan sendo obrigatorias en todo momento a excepción do momento da merenda, na que os alumnos e alumnas poderán sacala para comer. Así mesmo, deberán de levar unha máscara de reposto.

En canto á distancia persoal, os nenos e nenas de infantil e de primeiro a cuarto de primaria non contarán con ela debido a que se dividirán en grupos burbulla, nos cales non se poderán mesturar con outros. Ademais, non haberá máis de 25 alumnos e alumnas por aula. No caso de quinto, sexto de primaria e secundaria é diferente e existe variación en relación ao ano pasado e, neste caso, si que ten que existir distancia persoal. Esta baixará de 1,5 a 1,2 metros polo que o alumnado dentro da aula aumentará sen poder superar os 30 alumnos.

Así mesmo, será fundamental a ventilación antes da chegada dos estudantes e despois durante 15 minutos, priorizando sempre a ventilación natural. Tamén seguirá sendo preciso hixienizar frecuentemente as mans -no caso dos menores de 6 anos será preferible que esta práctica se realice con auga e xabón, mentres que no resto de casos terán que realizalo con xel que deberán levar da casa-.

A presencialidade será máxima para todos os niveis e etapas. Tan só se podería pasar a semipresencialidade no caso de que aumente o nivel sanitario no Concello e non se poidan levar a cabo as medidas sanitarias correspondentes. Ademais, esta situación só sería posible a partir de terceiro da ESO. No caso dos pais, nais ou titores legais será prioritario a comunicación telemática -tan só no caso de que o profesorado ou o equipo directivo o considere, se poderá facer presencial-.

No caso do comedor e do transporte escolar serán servizos que se manterán e, en relación ao segundo, os asentos asignaranse fixos para todo o curso escolar. Por outra beira, outra diferenza en canto ao ano anterior é a posibilidade de compartir obxectos sempre e cando se limpen despois de cada uso.

A entrada e a saída do alumnado realizarase por accesos diferentes -se é posible- e por etapas educativas para que existan as mínimas aglomeracións. No caso de que isto non se poida levar a cabo, será preciso que existan diferentes quendas. No caso do recreo, permitirase proximidade entre alumnos e alumnas de clases diferentes pero que sexan en todo momento do mesmo ano.

Por outro lado, no caso de que exista un caso sospeitoso de virus haberá que apartalo a un espazo de emprego individual. Se é un adulto e se atopa ben irase ao seu domicilio e, no caso de que se trate dun escolar, chamarase á familia e esta terá que contactar co centro de saúde ou cun teléfono de referencia.

Hai que destacar que estas medidas poden variar durante o ano académico a causa da situación epidemiolóxica.

colexio pilar de foz
colexio escola nenos covid
3colexio escola nenos covid
2colexio escola nenos covid
COMEDOR ESCOLA INFANTIL vilalba

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.16521692276001