Unha empresa critica a licitación do servizo de atención temperá de Sarria
A empresa participante na licitación do servizo de atención temperá de Sarria “Creados e o seu equipo” quixo mostrar o seu malestar pola maneira na que transcorreu o proceso de contratación.
Afirman que houbo tres concursos para poder chegar á licitación do servizo. O primeiro deles adxudicouse malia un informe que apuntaba que a empresa non cumpría co establecido nas bases e debería ser excluída.
O segundo foi paralizado co obxectivo de modificar algunhas bases, dado que o local seguía sen cumprir as condicións.
E no terceiro concurso, a empresa “Creados e o seu equipo" ao cumprir tódolos requisitos, foi proposta pola mesa de contratación para adxudicarlle o servizo.
A sorpresa veu cando coñeceron pola prensa que non eran contratados por non contar cunha sala de lactación, cando o concello estaba informado de que o seu local cumpría sobradamente coas condicións.
Anuncia que recorrerá esta decisión cando sexa notificada e pregúntase para que envían un técnico se non comproba e informa do que hai na realidade. Insiste en que non quere prexudicar a ninguén, nin ao servizo, nin aos traballadores nin aos nenos de atención temperá, servizo moi necesario e que desexa que nunca se vexa interrompido.
Denuncia que, mentres tanto, a adxudicataria continúa encargándose desta prestación, cobrando cartos a costa do presuposto municipal e malia incumprir os requisitos esixidos.