Unha parte dos militantes do PSOE de Sarria mostra o seu apoio a Mónica López

SarriaXa
Os militantes do PSOE expresaron a súa preocupación pola demanda, sinalando que semella carecer de fundamento
PSOE-SARRIA
22 Feb 2025

Unha parte dos militantes do PSOE de Sarria mostrou o seu malestar pola actuación dos tres concelleiros do partido no municipio, que, segundo denuncian, actuaron "ao marxe dos militantes".

Esta reacción xurdiu despois de que os concelleiros foron informados sobre a demanda interposta contra a concelleira do BNG, relacionada coa súa participación nunha bolsa de emprego da Residencia.

Os militantes do PSOE expresaron a súa preocupación pola demanda, sinalando que semella carecer de fundamento, xa que a acusación baséase unicamente na posibilidade de que unha persoa que acceda a unha bolsa de traballo temporal poida pasar a indefinida, obviando que este proceso require superar unha oposición.

Ademais, os militantes consideraron preocupante a non comparecencia dos concelleiros na Xunta Rectora para resolver cuestións relacionadas cos pagos de medicamentos aos residentes, que anteriormente se realizaban en efectivo e baixo a responsabilidade dalgúns dos asinantes da demanda.

Así mesmo, os militantes do PSOE sinalaron que "a día de hoxe os tres concelleiros do PSOE están perfectamente alineados co PP", o que consideran unha evidencia adicional da falta de coherencia cos principios do partido.

Os militantes consideran que as decisións adoptadas polos concelleiros están a ter consecuencias negativas tanto a nivel local en Sarria como a nivel provincial en Lugo e Santiago.

Por último, mostraron o seu apoio á concelleira do BNG e deixaron constancia de que, en ningún momento, se lles informou nin tivo en conta á hora de tomar este tipo de decisións.

0.096997976303101