Vaise renovar o firme en varias estradas autonómicas

LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A Xunta vén de recibir 9 ofertas para executar as obras de renovación do firme nas estradas autonómicas da provincia de Lugo.
sarria becerre lu636
26 Apr 2021

A Xunta vén de recibir 9 ofertas para executar as obras de renovación do firme nas estradas autonómicas da provincia de Lugo LU-636, LU-546 e LU-741, ao seu paso polos concellos de Becerreá, Lugo, O Corgo, Sarria e A Pontenova.

Esta intervención da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade suporá un investimento autonómico de 1,8 millóns de euros. Os traballos contan cun prazo de execución de 6 meses.

As actuacións licitadas pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade na estrada LU-636 levaranse a cabo entre o punto quilométrico 22 e ata o 31+140, situado á entrada do núcleo de Becerreá. A intervención neste tramo de 9 quilómetros inclúe a reparación das partes deterioradas e a reposición do firme en toda a calzada con tratamento asfáltico e rego de selado. Nos últimos 4 quilómetros, ata acceder á localidade becerrense, aplicarase mestura bituminosa en quente en todo o ancho do carril.

No caso das obras na estrada LU-546, realizarase un reforzo do firme superficial naquelas zonas máis deterioradas, mediante o fresado e reposición do firme; ao igual que nos primeiros 550 metros da estrada LU-741, onde tamén se levará a cabo este fresado e reposición do firme en zonas localizadas.

Na travesía de Sarria, tamén na LU-546, procederase ao estendido dunha nova capa de rodadura, de xeito que se melloren as características superficiais, previo fresado da existente.

Finalmente, na estrada LU-741, realizarase o reforzo de firme desde o punto quilométrico 0+550, naqueles treitos onde sexa preciso.

O departamento de Infraestruturas da Xunta continúa traballando na conservación e no mantemento da rede viaria autonómica coa fin de proporcionarlles unhas estradas máis seguras e cómodas aos usuarios.

0.057663917541504