Varias estradas do casco urbano de Sarria serán repintadas durante dúas semanas
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade xa comezou o repintado das marcas viarias nas rúas do casco urbano de Sarria que forman parte de estradas autonómicas, obras que contan cun orzamento de 27.000 euros e prolongaranse durante as vindeiras dúas semanas.
Así, actuarase sobre catro estradas entre as que se contan as principais arterias da vila, como a LU-546, que a comunica con Monforte e Lugo, e a LU-636, onde se mellorarán 4,4 quilómetros ata chegar ao polígono industrial e á variante de acceso ao corredor. Tamén se repintarán os tramos urbanos das vías LU-633 e LU-635.
Os labores incluirán a totalidade dos pasos de peóns, co obxectivo de incrementar a seguridade, e comprenden as rúas Benigno Quiroga, Matías López, Lugo, Diego Pazos, San Lázaro, Porvir, Marqués de Ugena, Becerreá e o barrio de Vilasante.