A noite de San Xoán de Sarria é vista a través da ollada de varias xeracións
Persoas que tiveron a oportunidade de gozar do San Xoán de Sarria ao longo do tempo danse cita nestas liñas onde rememoran a importancia que tivo a festividade nas súas vidas.
Xaime Pombo lembra con nostalxia os seus anos de adolescencia, aló polos oitenta, cando co inicio da tempada estival festexaba o San Xoán en Sarria.
As clases remataban e co seu fin chegaba a noite máxica do ano, onde a troula cos amigos se prolongaba ata altas horas da madrugada. "Encantábame que as celebracións durasen varios días", recorda Pombo, orixinario de Teixeira do Courel, pero que naquel entón cursaba os seus estudos na vila. "Era moi novo, vivín aló dos 12 aos 18 anos", explica, recordando como lle gustaba ver chegar a esta festividade xente procedente de distintos puntos da provincia, entre os que sempre atopaba coñecidos da súa zona.
"Gustaríame reencontrarme cos amigos nunha noite tan especial coma esa"
Ante a pregunta de se leva moitos anos sen regresar a este encontro , Xaime Pombo asinte pois dende que se estableceu na Coruña festexa o 24 de xuño na cidade herculina. Non obstante, mostra o seu desexo de regresar de novo a esta xuntanza que tantos bos recordos lle trae: "Gustaríame reencontrarme cos amigos nunha noite tan especial coma esa". E entre risas, aproveita para admitir: "Todo o que sexan festas, eu bótoas de menos! ".
"Fora unha velada estupenda, de moito baile e de moita esperanza posta en cada desexo que pedimos, con esa inocencia tan típica da idade"
Algo parecido lle sucede a Sonia Gómez, quen en xuño de 2005 visitou por primeira vez Galicia. Contaba con trece anos e vivía en Madrid. A súa mellor amiga propuxéralle viaxar con ela ata Sarria. Recorda con estima o seu abraio perante o lume das fogueiras, así como os rituais que os veciños partillaran con ela: "Chamárame especialmente a atención o que me contara unha señora, pois animárame a ir de madrugada a tomar o orballo e así o fixen. Dende logo non foi boa idea, pois demos reviravoltas na herba dun prado e collín unha alerxia tremenda. Cada herba quedoume marcada na pel!”, exclama entre gargalladas para de seguido afirmar: “ Pese a iso, fora unha velada estupenda, de moito baile e de moita esperanza posta en cada desexo que pedimos, con esa inocencia tan típica da idade”.
“Non son moito de rituais, pero ese acto si foi moi significativo para min"
Coa mesma saudade, lembra Marcos Fernández o San Xoán de hai unha década. Nese mes de xuño do 2012, rematara a selectividade e entre esta festa e o Arde Lucus celebrou a súa nota de acceso: "Recordo aquela tempada con moita estima. Despois de meses de traballo, por fin puidera ter tempo libre para facer as cousas propias dun rapaz desa idade”, sinala. “O verán anterior á universidade coido que a moitos lles queda ben gravado na mente”, opina Fernández, o cal lembra como guindara todos os seus apuntamentos á fogueira e sentira unha gran liberación: “Non son moito de rituais, pero ese acto si foi moi significativo para min; supuxo deixar atrás unha etapa para centrarme na seguinte”, afirma. E remata por concluír: “Abofé que si, viaxar coa memoria a esa noite concreta sempre é emocionante".