Vinte e cinco anos

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa | AMariñaXa
Coa nosa VOZ, artículos do escritor Pablo Veiga, que trata os temas de actualidade cun toque persoal e atentendo a esta provincia.
Pablo Veiga
7 Aug 2021

Por Pablo Veiga

Así é. Conmemórase por estas datas un cuarto de século, tal e como diferentes medios, desde a radio e televisión ata a prensa, nolo lembran, da apertura do tramo de autovía entre as localidades de Baamonde e Monte Salgueiro,  que con máis de vinte quilómetros, resulta ser o máis longo da devandita infraestrutura dentro de Galicia. Aínda habería que agardar uns meses máis para esta obra, a chamada A 6 unise por completo as cidades herculina e a das murallas. Non era sen tempo, xa que as peculiaridades do chan no municipio de Begonte, onde a presenza das daquela nada coñecidas Lagoas de Rio Caldo, así como os misteriosos Pozos do Ollo, que tan só tiñan presenza entre os veciños máis próximos, retrasaron considerablemente o remate definitivo dos traballos. Os enxeñeiros tiveron que agudizar o enxeño e aplicarse ben para que o formigón non fose tragado pola terra e os pilares se asentasen de maneira definitiva e segura.

Nesta columna tense comentado en diversas ocasións sobre as vías de comunicación na nosa Terra, recalcando o déficit considerable que sempre existiu, especialmente na provincia de Lugo , en concreto na Chaira. A infra utilización dos camiños de ferro, mellor dito, do camiño, xa que só existe unha liña, e a tardanza na finalización das novas estradas proxectadas, resultaron ser un lastre para o desenvolvemento e progreso das nosas entidades de poboación. Por iso, de grande alegría e satisfacción foi a nova á que estamos a referírmonos. Como moitos outros avances, botando moito a vista atrás –ou non tanto-, chegou tarde. Aínda así, cómpre destarcar a incidencia, en xeral positiva da autovía A 6 nos municipios chairegos por onde descorre. De xustiza é recoñecer a grande área industrial que abrangue desde Outeiro de Rei ata Guitiriz, cuns polígonos e áreas de servizos nos cales, paseniño, foron asentándose empresas que xeraron postos de traballo na zona, un valor engadido para o progreso das comunidades.  E non soamente iso, senón que contribuiu a aliviar a elevadísima densidade de tráfico que soportaba a tradicional Nadional Sexta. Tamén é certo, debendo suliñarse, que algúns negocios se viron afectados por esa desviación de vehículos que atravesaban os núcleos urbanos. Son os danos colaterais que sempre conleva o progreso. No saber reinventarse e adaptarse ás novas circunstancias, estivo a clave da continuidade de moitos deles e incluso en casos, a mellora.

Un lembra aqueles anos en que se construiu a autovía e na principal consecuencia inmediata, que non foi outra que unha inxección económica para os concellos, derivada do considerable número de veciños que se empregaron.

En fin, parece que foi onte, pero non, xa van aló un par de décadas. Abofé que nos conformamos con ben pouco, pero é que viñamos da nada, polo que nos sentimos daquela moi ledos da obra en cuestión. Anos máis tarde, entraría en funcionamento a autovía que nos une con Ribadeo e o Cantábrico. E moito máis fai falta. Pouco a pouco, adóitase dicir. Boa verdade.

0.15333604812622