Visita no Incio a exposición itinerante O Fin do Camiño

SarriaXa
Visita no Incio a exposición itinerante O Fin do Camiño que reflexiona sobre o ámbito máis íntimo e persoal da peregrinación
mostra egeria oincio
11 Nov 2022

Xa está dispoñible ata a vindeira semana na Casa do Concello do Incio a mostra itinerante O Fin do Camiño, que reflexiona sobre o ámbito máis íntimo e persoal da peregrinación.

O obxectivo principal desta exposición é o de falar e promover a reflexión e o diálogo precisamente sobre a fin do Camiño de Santiago, abordando o ámbito máis íntimo e persoal do Camiño, do aspecto espiritual da Vía e do camiñante.

No acto de presentación que tivo lugar na Casa do Concello, estiveron presentes entre outras personalidades, o alcalde do Incio, Héctor Corujo.

Os textos da exposición están redactados en galego, castelán e inglés para a xeral comprensión dos asistentes á mostra, xa que está dirixida especialmente aos peregrinos e a súa programación inclúe numerosos puntos dos Camiños de Santiago, comezando polos fitos do Camiño Francés en Galicia.

As fotografías son de dous importantes fotógrafos galegos, Eduardo Ochoa e Carlos Puga, que reflicten especiais visións dos Camiños a Compostela, arredándose das visións turísticas e centrándose nos aspectos humanos e monumentais, dos que se destacan os detalles máis sobranceiros.

Os textos abordan o tema da Fin do Camiño como expresión dos sentimentos que moven ó peregrino para emprender este Camiño milenario, tendo capítulos especiais para o motor da fe, os máis de mil anos dos camiños, o percorrido cara a unha terra de brumas e de luz.

Exprésase a procedencia dos peregrinos de lonxanas terras, polos camiños todos que levan a Compostela, destacando aspectos como que Europa se mira en Compostela, a peregrinación en multitude ou en soidade, os peregrinos singulares ou anónimos, os milleiros de pasos que constitúe o Camiño Francés, a cadea de fervores que o Camiño supón para chegar á Capital de Occidente, a visita á tumba do apóstolo, completar un camiño interior reflexo do exterior percorrido e emprender o Camiño de volta.

Cada panel conta con breves glosas do Camiño de Urbano Lugrís, Dante ou Frei Luis de León; Filgueira ou Pensado; Tirso, Machado, Fraguas, Pondal, Cunqueiro, Torrente, Cervantes, Celso Emilio ou Manuel Rodríguez López.

A mostra está composta por dez paneis dobres e  conta coa colaboración da Asociación de Municipios do Camiño de Santiago e Acollida Cristiá do Camino e da Catedral de Santiago.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.16818809509277