Viso prepárase para celebrar as grandes festas na honra a Santa Cristina

A parroquia de Viso, no concello do Incio, acollerá os días 26 e 27 de xullo as tradicionais festas en honra a Santa Cristina, cun programa que mestura gastronomía, música e actos relixiosos.
As celebracións comezarán o sábado 26 ás 22:00 horas cunha pancetada popular, un clásico destas festas que reúne cada ano a veciños e visitantes arredor dunha boa cea ao aire libre. Ao rematar, a xornada continuará coa actuación do Dúo Sabor Latino, encargado de animar a noite con música para todos os públicos.
O domingo 27 será o día grande. Ás 13:30 horas terá lugar a misa solemne seguida da tradicional procesión, que reúne a numerosos fieis en honra á patroa. A continuación, o vermut estará amenizado polo Dúo Stylo, que tamén será o protagonista da verbena nocturna, encargándose de poñer o broche de ouro ás festas con música e baile ata altas horas.
Con este programa, Viso promete dous días de festa para todos os públicos, mesturando tradición, música e bo ambiente. As festas de Santa Cristina son unha cita ineludible no verán do Incio.