Volve a verbena a Sarria coa París de Noia
A orquestra París de Noia actuará o vindeiro venres 10 de setembro no campo de rugby de Sarria para despedir as actividades dun verán atípico. Así pois, a cita ten aforo limitado e a reserva de entradas realizarase de maneira telefónica chamando ao Concello no número de teléfono 982 535 000.
As entradas son gratuítas e cada persoa poderá reservar 4 como máximo, estando todas elas asociadas a unha persoa física.
Así mesmo, para reservar é preciso dar nome, apelidos, teléfono de contacto e DNI de todas as persoas asistentes. O horario para chamar é todos os días laborais dende as 9.30 horas ás 13.30 horas. No momento de chegada, cada unha das persoas deberá levar consigo o DNI.
O concerto comezará ás 21 horas e abriranse as portas do recinto ás 20 horas, procurando unha entrada progresiva e gradual para evitar aglomeracións. Por esta razón, prégase puntualidade. Ademais, a entrada será válida ata cinco minutos antes de que comece a actuación (20.55 horas).
Por outra beira, levaranse a cabo todas as medidas sanitarias correspondentes polo que, dentro do recinto, é obrigatorio o uso da máscara así coma outras normas que o Concello de Sarria determine.