Volven as escolas deportivas de Sarria

SarriaXa
O Concello de Sarria ofrece, para todas aquelas persoas interesadas, nove escolas deportivas de diferentes disciplinas.
piscina natacion
5 Oct 2021

O Concello de Sarria ofrece, para todas aquelas persoas interesadas, nove escolas deportivas de diferentes disciplinas. Entre elas atópanse os deportes de hockei, defensa persoal, tiro con arco, baloncesto, fútbol sala, patinaxe, tenis e ximnasia rítmica.

Desta maneira, chega a Sarria unha variedade de actividades deportivas nas que colaboran diferentes clubs e asociacións da vila entre os que están o CFS Os Meigallos, o CB Sarria, o Deperpol Sarria, o club Anca de patinaxe e hockei, o club Xirandela, o club Aixa, o club de tiro con arco Seurri, o club de tenis AMR e a SD Sarriana.

Por outra beira, hai que lembrar que, a causa da actual situación sanitaria, continuarase co protocolo de prevención da covid19 que se levará a cabo nas actividades deportivas e nas instalacións municipais, para garantir unha práctica deportiva segura e amena.

Este tipo de iniciativas teñen como obxectivo fomentar hábitos de vida saudables nos veciños e veciñas da vila e arredores, así coma apoiar estas prácticas nas diferentes etapas de desenvolvemento.

Apertura da piscina climatizada

Un dos servizos que se abrirá proximamente despois de estar pechado durante máis de ano e medio a causa da situación sanitaria provocada pola covid19 é a piscina climatizada, grazas a cal se impartirán tamén cursos de natación para adultos, nenos e nenas, entre outras actividades diferentes das que gozar nestas instalacións. Así pois, o Concello xa informou que o contrato de servizos que sacará a licitación inclúe que a empresa que leve este servizo deberá ampliar os horarios de apertura.

Desta maneira, a piscina climatizada, en inverno, abrirá todos os días da semana menos os festivos e, en verán, farao tamén os domingos. Os horarios, serán de 8 a 13 horas e de 17 a 22 horas, de luns a venres; os sábados será de 9 a 14 horas e de 16.30 a 21 e, os domingos, de 9 a 14 horas -tempada invernal-.

No caso de verán o horario será de 8 a 13.30 horas e de 19 a 22.30 horas de luns a venres, mentres que os sábados será de 9.30 a 13.30 horas.

Hai que lembrar que este procedemento aínda vai tardar un par de meses debido a trámites administrativos. Por outro lado, o contrato coa empresa adxudicataria será por tres anos e un importe de 932.000 euros.

Así mesmo, esta empresa será a encargada da limpeza, da xestión, do persoal preciso para todas as funcións, así coma das diferentes actividades deportivas que se implantarán no centro -coma natación para centros educativos, terceira idade, pilates, ximnasia para persoas maiores, etc-.

Ademais, tamén será a encargada de levar as piscinas exteriores do Chanto, cos seus respectivos servizos.

0.16374611854553