Xa está aberto o prazo de matrícula na Escola Municipal de Música de Sarria

O Concello de Sarria vén de abrir o prazo de matrícula na Escola Municipal de Música de Sarria para o curso 2025/2026, polo que todas as persoas interesadas xa poden reservar unha praza para formalizar a súa matrícula.
Así, o calendario de inscricións será, para o alumnado con reserva de praza, do 27 de xuño ao 9 de xullo; mentres que para aquel alumnado con matrícula preferente, que é aquel alumnado do curso anterior que solicita instrumento por primeira vez, nado no 2019 ou antes, a inscrición será do 14 ao 17 de xullo.
Pola súa parte, a inscrición para persoas de novo ingreso será do 22 ao 31 de xullo e os que entren no período extraordinario poderán inscribirse do 7 ao 14 de xaneiro de 2026.
As solicitudes poderán presentarse presencialmente no Rexistro do Concello de 09:00 a 14:00 horas ou online na sede electrónica, sendo imprescindible achegar a solicitude cuberta no modelo oficial, o DNI do/a solicitante ou representante legal, o certificado de titularidade da conta bancaria, e o DNI do titular da conta, se é diferente do asinante.