Xa está todo preparado para a celebración do DHU Vila de Sarria 2024
Os organizadores do DHU Vila de Sarria presentaron o evento nun acto no que participaron representantes do Concello de Sarria, da Deputación de Lugo e da Xunta de Galicia, que se celebrará esta fin de semana.
O club ciclista DH Galicia, que vén organizando o evento desde 2012, ultima os preparativos dunha nova edición, con dúas xornadas de espectáculo deportivo nas rúas da vila.
O circuíto comeza no campo da feira e cruza o centro histórico pola ruta xacobea ata O Malecón e supón a instalación de máis de 100 módulos de madeira cos que se van conformando os elementos do percorrido, considerado o mellor do Estado por moitos deportistas, público e prensa.
Ademais, unha das novidades da fin de semana será a proba de dirt jumping, unha modalidade caracterizada pola espectacularidade dos saltos e das acrobacias dos participantes que se celebrará na tarde do sábado. Nela, participarán profesionais como Diego Artime, Nuno Pintas, Diego Solans, Carolo, Héctor Guerra, Christian Cardona e Ferre.
Con todo, os organizadores tamén informan de que o domingo 14 de xullo ás 12.00 horas, Yolanda Álvarez, da escola de ensinanzas artísticas Creativa, ensinará as técnicas da danza urbana a todas as persoas a partir dos 4 anos. Ademais, haberá unha zona de exposición de produtos, outra de comida e bebida e un skate park. Finalmente, como novidade, porase unha pantalla xigante da Avenida para poder desfrutar da final da Eurocopa entre España e Inglaterra.
PROGRAMA
Sábado
- 09.00 horas. Apertura Market e zona Gastronómica
- 9.30 a 11.00 horas. entrega dorsais Mini DHU e adestramentos oficiais Mini DHU
- 11.15 horas. Manga clasificatoria Mini DHU
- 12.30 horas. Manga final Mini DHU
- 16.00 a 20.00 horas. Adestramentos DHU
- 19.30 horas. Finais Dirt Vila de Sarria
- 21.30 horas. Concerto Thee Blind Crows
- 22.25 horas. Concerto Drugos
- 23.20 horas. Concerto Los Enemigos
- 00.45 horas. Concerto Corvos Cegos
Domingo
- 09.00 horas. Apertura Market e zona Gastronómica
- 10.00 a 14.00 horas. Adestramentos DHU
- 11.00 horas. Obradoiro skate
- 12.00 horas. Técnicas de danza
- 13.00 horas. Obradoiro skate
- 13.30 horas. Sesión vermú
- 16.00 horas. Manga clasificatoria DHU
- 17.30 horas. Manga final DHU
- 21.00 horas. Emisión Eurocopa
APOIO DA DEPUTACIÓN DE LUGO
O circuíto contará cun inchable de catro metros de altura, adquirido polo DGH Team coa colaboración da área de Deportes. Con este investimento en material, a Vicepresidencia da Deputación de Lugo reforza a colaboración que mantén co DHG e co Concello de Sarria na organización do descenso urbano.
O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, valorou “o esforzo do DHG na organización e na loxística da proba, que converteu Sarria nun referente estatal desta modalidade, e que segue incorporando novidades deportivas como a proba de DIRT e ampliando as propostas lúdicas mantendo a actividade durante toda a fin de semana”.
O responsable provincial subliñou tamén “o traballo que o club vén facendo por dar continuidade a afección por estas modalidades coa escola de ciclismo, que supón unha alternativa de ocio saudable para as nenas e nenos”.