Xa hai datas para a celebración do Festival Ribela Love Nature de Sarria

Os organizadores do Festival Love Nature de Sarria confirmaron as datas da súa terceira edición, que se celebrará os próximos 22 e 23 de agosto de 2025.
O evento, promovido pola Asociación Cultural Ribela e que xa se consolidou como unha cita destacada na xeografía galega, promete de novo ofrecer unha experiencia única, combinando natureza, música, gastronomía e sostibilidade.
Na edición do ano pasado, 13 artistas internacionais deleitaron ao público coas súas actuacións, entre os que se atopaban nomes como Alicia Carrera, Bawrut, Cemento Musgo, Certain People, Eduardo de la Calle, Identified Patient, John Axiom Live Band, Jor Ginho, Promising/Youngster, R0b0t City, Scandinavian Star oqbqbo, Sutan e Violet. Unha programación variada e de alto nivel que atraeu a milleiros de persoas á celebración.
A primeira edición do festival, celebrada en 2022, contou coa participación de 22 artistas, que animaron durante catro días seguidos un espazo de 10.500 metros cadrados, creando un ambiente único e especial.
O Festival Ribela Love and Nature naceu con vocación de ser un evento diferente, con enfoque na natureza, a música e a sostibilidade. Despois de anos de formación e preparación por parte dos seus organizadores, a iniciativa converteuse nun referente dentro da oferta cultural galega, logrando crear un espazo no que se coidan tanto os aspectos artísticos como ambientais e sociais.
Con esta terceira edición, o Festival Love Nature continúa con súa proposta de ofrecer un evento para todos os gustos, coas mellores bandas, un ambiente acolledor e un firme compromiso co medio ambiente.