Xa se pode desfrutar da pista de xeo de Sarria
O Concello de Sarria acolle por segundo ano consecutivo a pista de xeo despois do éxito que supuxo esta instalación o ano pasado, con máis de 2.500 usuarios.
A pista de xeo, instalada na Praza da Vila de Sarria, foi promovida polo concello e coa colaboración da Asociación de Comerciantes e Empresarios e estará a disposición dos nenos, nenas e adultos ata máis do día 9 de xaneiro, que en principio ía ser a data de peche, pero prolongarase debido ante o atraso en abrila.
Así, todos os días entre as 11.00 e as 13.45 horas pola mañá e entre as 17.00 e as 21.15 horas da tarde, excepto o domingo 1 de xaneiro que só abrirá pola tarde, calquera que teña ganas de pasar un tempo de ocio divertido, poderá facelo presentando un ticket de compra en calquera establecemento de Sarria, promovendo así o comercio do municipio, o turismo e as actividades de Nadal.
As sesións na pista de xeo serán de trinta minutos e o concello recomenda presentarse 10 minutos antes do comezo da sesión para poñerse os patíns e prepararse.
A implantación da pista de xeo foi adxudicada á empresa Emiced Diseño Integral e custoulle ao Concello uns 28.400 euros. Ademais, tamén puxeron ao lado un pequeno tren para os máis pequenos que non poden desfrutar da pista de xeo.