Xa se pode ver o segundo episodio da serie documental sobre a vida de Xela Arias
Está xa dispoñible o segundo episodio da serie documental 'Xela Arias. A palabra esgazada' que a Real Academia Galega (RAG) estreou a semana pasada e que aborda a vida persoal e a traxectoria profesional da poeta, á que este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas.
A serie, guionizada pola xornalista lucense María Yáñez, está composta por seis capítulos breves que percorren distintos aspectos da vida e da obra da autora.
O capítulo 2, que se vén de estrear, profunda no labor de Xela Arias como tradutora e máis editora en Edicións Xerais de Galicia, da man de Montse Pena Presas, Manuel Bragado, Xavier Senín, Víctor F. Freixanes, Celia Torres e Fran Alonso. O episodio conta tamén coa participación de Mónica Soto, Ana Iglesias e Clara Pino, amigas de Xela Arias dende a etapa universitaria.
O episodio está dispoñible na web da RAG —academia.gal— e nas súas redes sociais.
Ademais desta serie documental, que estreará un novo episodio cada martes, a RAG tamén emite as micropezas ‘Xela Arias. Onde canta a poeta’. Haberá unha nova cada día, de mércores a luns, ata o 16 de maio, véspera das Letras Galegas.