Xa se pode visitar o novo miradoiro petróglifo Pena do Chao no Incio
O Concello do Incio, coa axuda da Xunta a través de Turismo de Galicia, vén de estrear o novo miradoiro petróglifo Pena do Chao, desde o que se teñen unhas extraordinarias vistas da localidade.
Este novo recurso turístico co que conta o Concello do Incio emprázase moi preto do inicio da Ruta do Ferro e ofrece vistas a todo o Val do Incio; á Cruz do Incio, Dompiñor ou Trascastro, así como do propio petróglifo Pena do Chao.
O novo miradoiro ten varios bancos para sentarse e un panel explicativo dos petróglifos. Incorpora ademais un banco inclinado desde o que poder observar as estrelas. Un espazo único desde o que poder observar o municipio e desfrutar do Destino Courel.
Para acceder hai que achegarse ata a aldea de Saa e dirixirse cara a Monteagudo. A 200 metros do inicio da ruta do Ferro, e antes de chegar a Monteagudo, xa pode verse o miradoiro, ata ao que se pode chegar en coche.
O petróglifo Pena do Chao é de tipo cazoleta de sección semiesférica e planta circular. Consiste nun pequeno oco artificial escavado na rocha. Este petróglifo confórmano unha agrupación de cazoletas dispostas na superficie da formación rochosa. As cazoletas son uns dos motivos rupestres máis recorrentes en todas as épocas e latitudes.
O alcalde, Héctor Corujo, anima a aproveitar estes días de Semana Santa para achegarse á localidade e coñecer este novo recurso turístico, que unido a outros que xa existen, fan da visita ao Incio “unha escapada fantástica en plena natureza”.