Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre actúan en Samos este domingo

O músico Xabier Díaz e o colectivo vocal e percusivo Adufeiras de Salitre ofrecerán este domingo, 13 de xullo ás 19:00 horas, un concerto en Samos no marco do ciclo 'Polavilas no paraíso', unha iniciativa da área de Mocidade da Vicepresidencia da Deputación de Lugo que nesta ocasión se enmarca dentro das Festas do San Benito.
O campo da festa será o escenario desta actuación na que Díaz interpretará temas que percorren os seus catro traballos discográficos publicados desde 2015, cun protagonismo claro para a pandeireta e a voz colectiva de Adufeiras de Salitre. O repertorio incluirá pezas de discos como The Tambourine Man, Noró, As Catedrais silenciadas e o máis recente, Axúdame a sentir, editado a finais de 2024.
A alcaldesa de Samos, Chus López, sinalou que esta é “unha oportunidade única para gozar en Samos dun espectáculo desta calidade, protagonizado por un dos grandes nomes da nosa música tradicional” e animou á veciñanza local e da contorna a achegarse a este concerto, que será de balde.
Pola súa banda, o deputado Daniel García puxo en valor a colaboración institucional que permite levar actuacións de gran formato a pequenos concellos, contribuíndo a que a música tradicional e a produción musical en galego cheguen a novos públicos fóra dos grandes festivais ou eventos multitudinarios.