Xaneiro de 2022 bate récords de temperatura máxima en Galicia

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
O mes que acaba de rematar deixa tras de si un récord de temperatura máxima en Compostela nun mes de xaneiro.
cambio climatico termometro
2 Feb 2022

O mes que acaba de rematar deixa tras de si un récord de temperatura máxima en Compostela nun mes de xaneiro, “polo menos, revisando os datos dos últimos 50 anos”, sinala o director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, José Ángel Docobo. O día 1 rexistráronse 21º5, alén dos 19º0 do día 29 e 18º6 do domingo 30; sen esquecer os 21º0 do 29 de xaneiro de 1994, os 20º9 do 24 de xaneiro de 2016, ou os 20º8 do 5 de xaneiro de 1999.

Porén non foi o mes de xaneiro máis solleiro nin o menos chuvioso. En total, houbo 162 horas de insolación, superadas polos meses de xaneiro dos anos 1989 (166 horas e 45 minutos) e sobre todo 1992 (178 horas e 10 minutos). Todas estas horas nada teñen que ver, por exemplo, coa insolación dos xaneiros de 2014 (46 horas e 30 minutos) ou do ano 2001 (40 horas e 40 minutos), explica o profesor Docobo.

En canto á choiva, en xaneiro deste ano medíronse 63,9 litros/m2, todos eles nos primeiros dez días do mes, pero o mesmo mes do ano 1981 fora aínda moito mais seco con só 23,9 l/m2, recollidos en seis xornadas. Cómpre así mesmo destacar pola súa seca os dos anos 2012 (48 l/m2), 1989 (47 l/m2) e 1983 (44 l/m2). No lado oposto están os 546,2 l/m2 de xaneiro de 2001, ou os 499 l/m2 de 2014.

Naquel mes de xaneiro de 1981, na cidade de Santiago de Compostela houbo xeada en 19 xornadas, e en dez delas a temperatura mínima estivo por debaixo dos -2º, destacando os -4º3 do día 13. Con todo, o récord de temperatura mínima máis recente nun mes de xaneiro en Compostela mantense nos -5º1 do 3 de Xaneiro de 1971, e o de menos choiva recollida nos 19,5 litros/m2 do mesmo mes de 1964.

0.090521097183228