Yolanda Álvarez, coordinadora do Club de Lectura de Sarria, defende que se sobrepasaron as expectativas

SarriaXa
A escritora explica que son 26 persoas as que forman parte do Club de Lectura, que espera se manteña o curso que vén
Yolanda-Álvarez-Club-de-Lectura-de-Sarria
25 Maio 2024

A finais de xuño rematarán, previsiblemente, as reunións do Club de Lectura de Sarria, que se desenvolve os martes, cada quince días, ás 19.30 horas na Casa da Cultura e que está coordinado pola escritora bovedense Yolanda Álvarez.

A escritora sostén que “en xullo e agosto teremos que ter un descanso para volver en setembro con máis ganas”, xa que “sobrepasamos as expectativas que tiñamos, tanto o Concello coma min cando empezamos. Agora mesmo somos 26 persoas participando do Club de Lectura e estou moi contenta”.

Sarria xa acollera outras iniciativas de Club de Lectura no pasado, pero a aposta por Yolanda Álvarez foi un acerto: “O Club de Lectura está triunfando”, defende Álvarez, quen foi proposta polo Goberno local e ela asumiu o reto “con ilusión e encantada de que mo propuxera, xa que para min era moi motivadora e atraínte a necesidade de promover a lectura en papel”.

Así, cre que “é moi necesario impulsar a lectura, tanto en castelán como en galego, e facer comunidade, xa que veñen persoas desde os 15 anos ata persoas xubiladas con 70, con diferentes características e é moi bonito compartir a mesma actividade con persoas de diferente idade”.

En definitiva, di, “fixemos pandilla. Eu traio sempre un doce, chocolate... vounos animando e así a xente tamén se anima e cando hai un aniversario, un Santo... todos traen algo e compartimos- É un ambiente moi chulo”, explica a coordinadora.

0.17248916625977