12 concellos lucenses reciben equipamento destinado á prevención de incendios forestais

A Xunta achega 265.000 euros a 12 concellos lucenses para adquirir vehículos e maquinaria destinada á prevención de incendios forestais, ao abeiro dunha nova orde de axudas autonómicas cofinanciada con fondos Feder.
O delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, explicou que o Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da convocatoria, que beneficia aos concellos de Cervantes, Pedrafita do Cebreiro, Folgoso do Courel, Ribas de Sil, Guntín, O Incio, Xermade, A Pastoriza, A Ribeira de Piquín, A Pontenova, Trabada e O Vicedo.
A iniciativa busca axudar aos municipios de ata 30.000 habitantes a que dispoñan dun marque de maquinaria axeitado para realizar actividades preventivas, como limpeza e roza en bordos de estradas locais, contornas de núcleos de poboación e espazos naturais.
As contías poden chegar ata os 30.000 euros, para adquirir vehículos e accesorios; así como a compra de maquinaria forestal lixeira eléctrica ou vehículos complementarios para as tarefas forestais. Trátase de equipamento como miniescavadoras, compactadoras ou rodetes, pequenos tractores, rozadoiras, remolques, trituradores, vehículos todoterreo e minicamións, entre outros.
Esta medida súmase ás diferentes liñas de apoio que activa cada ano a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes para facilitarlles ás administracións locais tanto a mellora de equipamento como de instalacións públicas, entre as que destaca o Fondo de Compensación Ambiental, o Fondo de Cooperación Local (FCL) e a orde destinada a crear ou mellorar as infraestruturas municipais nas que se presta servizo aos cidadáns.