175 cativos de Concilia de Sarria visitan a cidade de Lugo

SarriaXa
175 cativos do programa Concilia de Sarria, que se está a desenvolver dende o 28 de xuño, visitan a cidade de Lugo
Visita ConciliaSarria Deputación
26 Aug 2022

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, recibe aos 175 nenos e nenas que participan no programa Concilia do concello de Sarria na quenda da segunda quincena de agosto. A institución provincial colabora con esta visita a Lugo co desprazamento, para o que fretou catro autobuses.

José Tomé, que estivo acompañado polo deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, e o concelleiro de Benestar Social de Sarria, Benjamín Escontrela, deu a benvida no Salón de Actos aos rapaces e rapazas, de 3 a 12 anos de idade, e aos seus 13 monitores, desexándolles unha xornada divertida que recorden no futuro e animándoos a coñecer a Deputación e a cidade. Os nenos percorreron despois as dependencias do Pazo de San Marcos e os xardíns e recibiron como agasallo o libro Colorea a túa provincia. Logo pasearon pola Muralla e foron ao cine.

PROGRAMA CONCILIACIÓN

Esta iniciativa que se vén celebrando dende hai varios anos, corre a cargo do Departamento de Servizos Sociais do concello de Sarria.

Nela organízanse diversos actos culturais e deportivos durante os meses de verán destinados a tódalas idades, tales como a visita a exposicións, o teatro cómico e infantil, diversos campamentos urbanos ou cursos de natación.

Ese é o eixo transversal do programa deste ano: o deporte. Pero non só os habituais, terán cabida tamén actividades coma a hípica, a natación, o tenis, a ximnasia rítmica, o baloncesto, o fútbol ou o voleibol.

A iniciativa estase a desenvolver dende o 28 de xuño de 2022 nas instalacións dos centros Frei Luis de Granada e Gregorio Fernández de Sarria co principal obxectivo de brindar tódalas ferramentas aos pais para que poidan conciliar a vida persoal e profesional.

0.15187311172485