50 anos educando xeracións: o CEIP Frei Luís de Granada, referente educativo en Sarria

Jessica Fernández
O CEIP Frei Luís de Granada de Sarria acaba de facer medio século de historia desde que, no ano 1975, iniciase a súa actividade como Colexio Nacional de EGB. Aquel primeiro proxecto educativo arrancaba con 36 unidades mixtas de Educación Xeral Básica e dúas de párvulos. Cinco décadas despois, o centro segue sendo unha referencia educativa na vila, adaptándose aos cambios sociais, pedagóxicos e estruturais. Na actualidade, o colexio conta con 21 unidades educativas, das que 3 corresponden a Educación Infantil e 18 a Educación Primaria, acollendo arredor de 460 alumnos e alumnas. Aínda que dispón dunha capacidade para 1.280 estudantes, chegou a rexistrar preto de 800 matriculados.
Este aniversario coincide ademais cun momento de cambio na dirección do centro. María Ángeles Bouza Blanco, coñecida como Masi, vén de deixar o cargo tras doce anos á fronte do centro educativo e despois de completar tres mandatos consecutivos. A súa substituta será Pamela Abraldes Cancela, mestra especializada en Pedagoxía Terapéutica, que asume agora o reto de liderar un novo proxecto educativo.
Tras máis dunha década exercendo responsabilidades directivas, Bouza recoñece que o balance final deixa máis lembranzas positivas que dificultades. Aínda que admite que "houbo cousas realmente difíciles e complicadas", asegura que "ao final sempre pesa máis o bo". A súa chegada á dirección produciuse nun momento especialmente complexo para o centro, marcado por importantes necesidades estruturais.
Segundo explica, cando asumiu a responsabilidade "había que facer un montón de cousas". Recorda que as deficiencias das instalacións obrigaron a reorganizar a actividade escolar. "Houbo complicacións a nivel de estrutura, foi un momento duro, no que tivemos que estar un tempo no instituto, unha parte e outra parte aquí na chamada Escola Fogar, e intentamos adaptarnos", sinala.
A situación acabou derivando nunha rehabilitación integral das instalacións, unha actuación que considera determinante para a evolución posterior do centro. "Desde aquel momento temos un cole moi bonito", afirma. Aínda que desde 2021, a Xunta de Galicia impulsou o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, establecendo novos criterios de deseño dos centros educativos, “e este quedou así”. Porén, pon en valor o centro, comentando que as tres unidades de Educación Infantil sitúanse nun edificio independente que foi renovado recentemente, mellorando notablemente as súas condicións. Ademais, o colexio conta cunha biblioteca, departamento de orientación con profesorado especializado en Audición e Linguaxe e Pedagoxía Terapéutica, aulas de inglés, informática e plástica bilingüe, así como servizo de comedor escolar.
Entre os espazos máis destacados tamén se atopan os dous ximnasios equipados con pavimentos adaptados para a práctica deportiva.
Ademais, está prevista unha actuación nas instalacións exteriores. A Consellería de Educación aprobou a reforma integral do pavillón situado xunto ao patio escolar, unha actuación que forma parte do Acordo para o Desenvolvemento Estratéxico de Sarria (ADES) firmado por Camiña Sarria e Partido Popular. Esta infraestrutura non só estará ao servizo do alumnado, senón tamén para actividades organizadas polo Concello.
O ALUMNADO
Unha característica que define a realidade do colexio é a diversidade do seu alumnado. Bouza destaca que o número de estudantes continúa medrando cada curso, nun contexto marcado pola chegada de novos alumnos ao longo do ano escolar. "Entre eles, existe unha importante presenza de estudantes procedentes doutros países, moitos dos cales deben afrontar un proceso de adaptación tanto ao idioma como ao contorno social e cultural. Somos o único colexio público de Sarria e, polo tanto, veñen aquí", comenta.
Lonxe de entender esta realidade como unha dificultade, a exdirectora considera que a multiculturalidade constitúe unha riqueza para o centro e valóraa de maneira "moi positiva". Neste sentido, o colexio conta cun programa específico, o Plan MEGA (Mellora Educativa de Galicia), destinado a favorecer a integración do alumnado estranxeiro mediante programas de inmersión lingüística e apoio educativo.
Ao longo destes doce anos, Bouza destaca tamén a colaboración mantida coas administracións educativas. "Sempre houbo unha colaboración pola miña parte e pola deles. Todo o que pedín ou suxerín, normalmente aceptárono", explica. Do mesmo xeito, subliña o respaldo do equipo docente durante os seus mandatos, mantendo, asegura, unha relación "moi boa" co conxunto dos compañeiros. Bouza séntese satisfeita coa evolución experimentada polo centro educativo durante estes anos. Destaca que o centro mellorou considerablemente tanto a nivel de instalacións como profesorado, contando este ano con 39 docentes que desenvolven tamén unha formación continua para o seu desempeño profesional e a adaptación a iniciativas relacionadas coa biblioteca escolar ou os Polos Creativos.
Agora, considera que chegou o momento de abrir unha nova etapa. "Creo que é hora de presentar un novo proxecto e deixar paso a outras persoas", sinala. Aínda así, continuará vinculada ao centro como docente. "Seguirei como profesora, que non é mellor nin peor, simplemente diferente", afirma.
Cincuenta anos despois da súa creación, o CEIP Frei Luís de Granada continúa coa mesma vocación coa que naceu: converterse nun espazo aberto, integrador e capaz de ofrecer oportunidades educativas para todas as xeracións de Sarria e da súa contorna.