A AC Huhú convoca o Primeiro Concurso Internacional para o Mellor Fanzine Galego do Mundo

SarriaXa
A iniciativa busca recoñecer proxectos autoeditados cunha traxectoria consolidada e proxección universal
A-Sede-Trienal-Huhu
6 May 2026

A Asociación Cultural Huhú vén de anunciar a convocatoria do Primeiro Concurso Internacional para o Mellor Fanzine Galego do Mundo, unha proposta dirixida a distinguir publicacións autoeditadas que destaquen pola súa calidade, continuidade e capacidade de proxección máis alá do ámbito local. O prazo de presentación de candidaturas permanecerá aberto ata o 24 de xuño.

As bases establecen unha serie de requisitos específicos para participar, entre os que se inclúe que os proxectos teñan, directa ou indirectamente, unha identidade vinculada a Galicia, así como unha traxectoria mínima de 20 anos, xa sexa continuada ou intermitente, e polo menos nove números publicados. Ademais, deberán manter unha liña editorial de carácter humorístico, crítico ou difícil de clasificar, e contar cun mínimo de cinco temas musicais asociados ao proxecto.

Entre as condicións tamén figura a incorporación dunha presenza estimada dun 5% de “pirolas”, definidas como unidades gráficas, textuais ou conceptuais orientadas á crítica da falocracia dominante, así como a existencia dun vocal ou responsable legal cuxas iniciais sexan M.B., sen admitir variacións.

As candidaturas deberán incluír un dossier breve da publicación, unha relación dos números editados, o listado de temas musicais, a identificación do responsable legal e unha declaración responsable sobre a porcentaxe de “pirolas”.

O xurado valorará aspectos como a coherencia editorial, a continuidade no tempo e a integración de distintos rexistros, tanto impresos como musicais, sociais e “pirolóxicos”, así como o cumprimento estrito das bases e a capacidade do proxecto para ser considerado o mellor fanzine galego do mundo.

A composición do xurado estará presidida por Marcos Bello, vocal de Macheta, quen exercerá como autoridade editorial e garante da correcta interpretación das bases. O fallo será inapelable e poderá facerse público con ou sen motivación.

O certame establece un único premio, que consistirá no recoñecemento público como Mellor Fanzine Galego do Mundo, unha dotación económica de 12.000 riais iranianos —suxeita ás retencións fiscais correspondentes—, a difusión nas canles de AC Huhú e a incorporación ao arquivo editorial da entidade.

0.12598490715027