A AC Taekwondo logra tres clasificacións para o Mundial tras un gran papel no Campionato de España

SarriaXa
O club sarriao suma ouros, pratas e bronces en Sevilla e asegura presenza no Mundial de Corea do Sur
AC-Taekwondo-Campionato-de-España-2026
23 Feb 2026

A AC Taekwondo destacou no Campionato de España 2026 por seleccións autonómicas, celebrado esta fin de semana en Sevilla, última cita clasificatoria de cara ao Mundial que se disputará este ano en Corea do Sur do 14 ao 20 de setembro. A competición deixou un balance moi positivo para o club, que conseguiu varias medallas e tres clasificacións en catro categorías distintas.

Mateo Fernández, xunto aos seus compañeiros de trío Guillem Bonilla e Alberto Castro, proclamouse campión de España, logrando a medalla de ouro e asegurando a súa clasificación para o campionato do mundo. Ademais, Mateo acadou tamén a medalla de prata na categoría júnior individual, reforzando a súa destacada actuación no torneo.

Pola súa banda, Alex Losada, adestrador e referente do taekwondo local, conseguiu a prata en categoría individual e certificou igualmente a súa presenza no Mundial en sénior 1 individual. Ademais, xunto cos seus compañeiros do Neka de Monforte, Carlitos e Marco, proclamouse por sexta vez consecutiva campión de España nesta categoría, consolidando unha traxectoria de éxito sostido.

O medalleiro completouse coa prata conseguida por Brais Lombar e Hugo en trío cadete, xunto ao seu compañeiro da selección galega Julien, así como co bronce logrado por Brais xunto á súa compañeira Emma.

Desde o club salientaron o gran traballo realizado por todos os deportistas e cualificaron de “éxito rotundo” a clasificación en tres deportistas e catro categorías, un resultado que permitirá que Sarria volva estar representada coa selección española no próximo campionato do mundo.

0.074887037277222