A AC Taekwondo logra clasificarse para o Mundial tras un gran papel no Campionato de España

A AC Taekwondo destacou no Campionato de España 2026 por seleccións autonómicas, celebrado esta fin de semana en Sevilla, última cita clasificatoria de cara ao Mundial que se disputará este ano en Corea do Sur do 14 ao 20 de setembro. A competición deixou un balance moi positivo para o club, que conseguiu varias medallas e tres clasificacións en catro categorías distintas.
Mateo Fernández, xunto aos seus compañeiros de trío Guillem Bonilla e Alberto Castro, proclamouse campión de España, logrando a medalla de ouro e asegurando a súa clasificación para o campionato do mundo. Ademais, Mateo acadou tamén a medalla de prata na categoría júnior individual, reforzando a súa destacada actuación no torneo.
Para Mateo Fernández, esta “foi a miña mellor tempada a nivel individual, e a última na categoría júnior. En Galicia gañei todos os campionatos con ouro e en España conseguín dúas medallas de prata a nivel individual e tres ouros na categoría de trío”. Ademais, salienta que “o meu obxectivo era dar todo de min para poder clasificarme para o mundial. Por iso, conseguilo é acadar a miña meta”. Tamén fai fincapé nos adestramentos “duros, as lesións, os días complicados… Conseguir esta meta é moi gratificante e estou súper contento de poder asistir alí na categoría de trío”. A pesar de quedar moi preto de poder acudir ao mundial na categoría individual, ten “moitísimas ganas de que chegue o mundial, para poder demostrar do que son capaz e deixar Sarria no nivel máis alto posible de cara a todo o mundo”, concluíu.
Pola súa parte, Brais Lombardero e Hugo en trío cadete, xunto ao seu compañeiro da selección galega Julien, conseguiron a prata e Brais xunto á súa compañeira Emma lograron o bronce. Brais leva só unha tempada no club, pero di que se sentiu moi "acollido". Así, lembra a súa primeira medalla nacional,que conseguiu cando tan só levaba 5 meses no club. Por iso, cre que "con esforzo e dedicación podía conseguir mellores resultados", sostén, aínda que recoñece que houbo "adestramentos duros, disgustos e sacrificios, pero paso a paso chegamos". Así, participará no Mundial de Corea cos seus compañeiros de Selección Hugo e Julián, unha experiencia que define como "única" por poder representar ao seu país.

Finalmente, Álex Losada, adestrador e referente do taekwondo local, que tamén participou no campionato, conseguiu a prata na categoría individual e certificou igualmente a súa presenza no Mundial en sénior 1 individual. Como deportista, Losada recoñece que a tempada non rematou “como me gustaría”, xa que agardaba un “pleno de ouros” e di “respectar a decisión do árbitro, aínda que a maioría da xente consideraba que eu gañara”. Ademais, xunto aos seus compañeiros do Neka de Monforte, Carlitos e Marco, proclamouse por sexta vez consecutiva campión de España nesta categoría, consolidando unha traxectoria de éxito sostido, “un feito moi complicado e polo que estamos moi contentos. Esa amizade que temos fai que sexamos rivais imbatibles”, considera. Ademais, o profesional e adestrador di que para el “foi unha tempada complicada a nivel mental e físico”. Con varios problemas de lesións, estivo toda a tempada “adestrando con dor”, así que, a pesar de todo, está “contento” por volver estar no Mundial e pon en valor que “manterme tantos anos na elite éncheme de orgullo”.
Con respecto á escola, di que toda esta aprendizaxe, sostén, “vale para despois transmitírllela aos meus alumnos” e afirma que está “feliz e moi orgulloso do traballo dos meus deportistas, porque sei o que significa para eles, que vai ser o seu primeiro Mundial, no país de orixe do taekwondo, en Corea do Sur”. Recoñece que este non é un camiño doado, xa que “teñen que organizarse cos seus estudos, teñen que deixar de ver aos seus amigos, teñen que faltar a eventos familiares, sacrificar cartos, esforzo e tempo... e chegar ao Mundial é a recompensa a todo ese traballo”, explica. Tamén é un “orgullo” poder levar o nome de Sarria ata Corea do Sur, xa que “hai 60 clasificados en todo o mundo e 3 son de Sarria, da AC Taekwondo”, destaca.
Desde o club salientaron o gran traballo realizado por todos os deportistas e cualificaron de “éxito rotundo” a clasificación en tres deportistas e catro categorías, un resultado que permitirá que Sarria volva estar representada coa selección española no próximo campionato do mundo.