A AC Taekwondo Sarria logra un resultado histórico no Open de España 2026 con catro ouros e cinco bronces

SarriaXa
O club destacou nun dos campionatos máis esixentes do panorama nacional e confirmou a proxección das súas novas xeracións
AC-Taekwondo-Sarria-Open-de-España-2026
27 May 2026

A AC Taekwondo Sarria firmou unha destacada participación no Open de España 2026, unha das citas máis esixentes do calendario nacional de taekwondo, cun balance de catro medallas de ouro e cinco de bronce. O campionato reuniu aos mellores deportistas do país e o conxunto sarrián volveu demostrar o alto nivel competitivo dos seus integrantes tanto nas categorías base como nas absolutas.

Entre os resultados máis destacados estiveron os títulos conseguidos por Carla Rodríguez, campioa do Open de España en individual benxamín; Martín Varela, tamén campión do Open de España na categoría individual benxamín; e Brais Lombardero, que logrou o ouro en individual cadete infantil e proclamouse igualmente campión do Open de España. Ademais, o adestrador do club, Álex Losada, conseguiu outra medalla de ouro xunto aos seus compañeiros Carlos e Marco na modalidade de trío masculino -30.

As medallas de bronce chegaron da man de Sergio Castro en individual benxamín masculino; da parella formada por Martín Varela e Carla Rodríguez; de Mateo Fernández en trío masculino -30 xunto a Guillem e Albert Bonilla; do propio Álex Losada en individual sénior 1 masculino; e de Brais Lombardero en trío júnior masculino acompañado de Miguel Antón e Yago.

Para Álex Losada, adestrador e impulsor da entidade, os resultados acadados supoñen “un resultado histórico para o club unha vez máis, que fai que nos sigamos superando día a día”. O técnico destacou a importancia da competición para os deportistas máis veteranos, que se xogaban puntos do ranking nacional de cara á clasificación para o Campionato de Europa de 2027, pero puxo especial énfase nos máis pequenos.

“Era a primeira vez que competían nun campionato destas dimensións e o debut foi espectacular. Conseguimos dous campións de España e catro medallas entre os tres nenos máis pequenos. Estamos facendo que pareza algo sinxelo, pero non o é en absoluto”, sinalou.

Sergio Castro, Carla Rodríguez e Martín Varela pertencen á categoría benxamín, reservada para deportistas de ata 8 anos, sendo ademais os máis pequenos non só do club, senón tamén de toda a expedición galega e do propio campionato. Losada destacou especialmente o mérito da medalla conseguida por Martín e Carla na categoría de parellas, xa que nesta competición os benxamíns compiten xunto cos alevíns, é dicir, con nenos de maior idade.

“A pesar de ser dos máis pequenos da categoría, lograron plantarlle cara a rivais moito maiores e subir ao podio. Iso énchenos de orgullo porque demostran que poden competir de ti a ti con deportistas máis experimentados”, explicou.

O adestrador tamén quixo destacar a evolución de Brais Lombardero, campión de España en categoría cadete, e de Mateo Fernández, que acaba de dar o salto á categoría sénior. Segundo explicou, ambos atoparon no club a posibilidade de competir ao máis alto nivel tras incorporarse á entidade sarriá.

“Brais é campión de España e Mateo está entre os mellores deportistas do país en categoría júnior e empezando a facerse un oco tamén entre os mellores sénior. Ese exemplo contáxiase aos máis pequenos, que ven neles un espello no que reflectirse”, apuntou.

Losada asegurou ademais que o bo momento do club é consecuencia dun traballo estruturado e dunha planificación constante durante toda a tempada. “Ao principio custounos un pouco, pero desde xaneiro estamos tendo resultados moi bos e estamos contentísimos”, afirmou.

A tempada da AC Taekwondo Sarria concluirá o 13 de xuño cunha comida de club e coa participación a finais de xuño nun Open en Portugal, unha competición que servirá como peche de curso e tamén como recompensa para os nenos e nenas que adestraron durante todo o ano.

Posteriormente, Álex Losada, Mateo Fernández e Brais Lombardero centraranse na preparación do Campionato do Mundo que se celebrará en setembro en Corea do Sur. O técnico destacou que esta cita internacional supón unha experiencia deportiva e persoal moi enriquecedora, xa que ademais da preparación e da tensión competitiva, permite convivir con deportistas de numerosos países e compartir experiencias nun ambiente máis distendido.

0.11459493637085