A AC Taekwondo Sarria suma dez medallas no Campionato Galego Escolar da Coruña

A AC Taekwondo Sarria participou esta fin de semana no Campionato Galego Escolar celebrado na Coruña, unha das últimas citas competitivas da tempada, na que o club logrou un total de dez medallas nun torneo que reuniu a 740 inscritos de toda Galicia.
Entre os resultados máis destacados sobresae a medalla de ouro conseguida por Brais Lombardero na categoría cadete individual. Ademais, o equipo sarrián acadou cinco medallas de prata grazas ás actuacións de Martín Varela en individual benxamín, da parella benxamín formada por Martín Varela e Carla Rodríguez, do trío benxamín masculino integrado por Mauro García, Lucas Díaz e Martín López, así como do trío alevín masculino composto por Izan Rigueiro, Mateo Pontón e Pablo Ferreira.
O medalleiro completouse con catro bronces logrados por Carla Rodríguez en individual benxamín feminino, Sergio Castro en individual benxamín masculino, o trío benxamín feminino formado por Valeria Castro, Yaslin López e Eire González, a parella cadete integrada por Claudia Fernández e Brais Lombardero, e o trío xuvenil masculino composto por Aarón González, Matías Gallent e Lucas Trebolle.
Desde o club mostraron a súa satisfacción polos resultados acadados polos seus deportistas, especialmente tendo en conta a elevada participación do campionato e a presenza de numerosos competidores que se estreaban nunha cita oficial. Tamén destacaron o bo papel doutros taekwondistas que quedaron ás portas das medallas, sinalando que o traballo realizado nesta competición servirá para continuar medrando de cara ás próximas tempadas.