A ANPA do CEIP de Oural reúne a máis de 200 persoas na súa primeira festa de fin de curso

A ANPA do CEIP Antonio Fernández López de Oural, no municipio de Sarria, celebrou a súa primeira festa de fin de curso cunha ampla participación da comunidade educativa. Na xornada participaron un total de 75 nenos e nenas, aos que se sumaron pais, nais, avós e outros familiares, reunindo a máis de 200 asistentes.
A iniciativa converteuse nunha xornada de convivencia familiar organizada para conmemorar o remate do curso lectivo e compartir un espazo de encontro entre alumnado e familias nun ambiente festivo.
Ao longo da celebración desenvolvéronse diferentes actividades e propostas de lecer destinadas aos máis pequenos, entre as que destacaron os inchables instalados no parque de Oural, que concentraron boa parte da diversión dos asistentes.
O programa incluíu, a través da axuda da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, o espectáculo infantil 'A Ramona pequena vai á Lúa', protagonizado por Pakolas, nome artístico de Paco Cerdeira, autor, compositor, músico e produtor especializado na creación de contidos musicais destinados ao público infantil. O artista desenvolve habitualmente actividades orientadas aos máis cativos, combinando música, humor e participación.
A celebración serviu para pechar o curso académico nun ambiente marcado pola convivencia e a participación das familias.