A Anpa do Frei Luís de Granada mantivo unha reunión coa Deputación de Lugo sobre as casas dos mestres de Sarria
A Anpa do colexio Frei Luís de Granada reuníronse co presidente da Deputación de Lugo, José Tome, para informarlle do malestar da comunidade educativa do centro con respecto á situación na que se atopa o edificio de mestres.
"A parte dun perigo físico, como pode comprobarse a primeira ollada, con canlóns suxeitos con madeiras, ferros oxidados dentro dos pivotes e ocos no chan que interceden na beirarrúa, o edificio volve estar ocupado por unha parella de mozas, algo do que xa se aviso á policía local a semana pasada", explican desde o colectivo.
Pola súa parte, o presidente da institución provincial, tendo en conta as peticións da Anpa e a súa loita pola construción dun parque cuberto adaptado, liquidou unha subvención de convenio excepcional para a elaboración dun proxecto de derrube dos edificios.
Así, será un estudo de arquitectura independente o que realizará un proxecto de derrube, que será presentado no Concello. Para levar o proxecto a cabo, desde a dirección do centro solicitarase permiso á Conselleria de Educación.
Por outra parte, informan de que a Anpa e a dirección do centro solicitarán o informe da declaración en ruínas do edificio e, no caso de xa existir dita declaración, "xa non faría falta ITE para o derrube, tan só o devandito proxecto e a xestión de residuos", explican desde a Anpa.
Como punto final, a Anpa quere conseguir todos os documentos antes de mediados de abril co fin de levar o proxecto do parque cuberto ao último pleno da lexislatura do Concello de Sarria.
A pretensión é que todos os partidos políticos que inclúen no seu programa electoral diferentes proxectos relacionados coa parcela, sexan consecuentes coas súas propostas, "e non sigan vendendo fume", conclúen desde a Anpa.