A Asociación Apoyo Rural abre o prazo do programa de desbroce gratuíto para persoas vulnerables

A asociación sen ánimo de lucro asentada na parroquia sarriá de San Estevo de Lousadela, Apoyo Rural, anunciou a apertura do prazo de solicitudes para o seu Programa de Desbroce Gratuíto 2026. A iniciativa está dirixida exclusivamente a persoas en situación de vulnerabilidade que residan en concellos da provincia de Lugo.
O principal obxectivo desta acción é garantir a seguridade e o mantemento das contornas habitadas fronte ao risco de incendios e á proliferación de maleza. Por este motivo, o servizo está orientado de maneira específica a persoas maiores que vivan soas e non teñan capacidade física para realizar o mantemento das súas fincas, a persoas con enfermidades crónicas ou con discapacidades que lles impidan desenvolver estas tarefas e tamén a familias que atravesen situacións de exclusión social ou graves dificultades económicas.
Co fin de optimizar os recursos dispoñibles, o programa centrarase unicamente na limpeza do perímetro da vivenda e dos accesos principais ao domicilio. A entidade aclara que non se realizarán traballos de desbroce en parcelas destinadas á produción agrícola ou forestal de gran extensión.
Desde a presidencia de Apoyo Rural subliñan que as solicitudes non se atenderán por orde de chegada, senón que se priorizarán en función da necesidade. Para iso, o equipo técnico da asociación realizará unha avaliación detallada de cada caso, analizando a situación socioeconómica e de saúde das persoas solicitantes para determinar aquelas vivendas nas que o risco sexa maior e os recursos dispoñibles máis limitados.
As persoas interesadas, así como familiares ou coidadores, poden solicitar o estudo do caso poñéndose en contacto coa asociación a través do teléfono e WhatsApp 622 534 934 ou mediante o correo electrónico info@apoyorural.org.
Apoyo Rural é unha asociación sen ánimo de lucro dedicada a ofrecer servizos de apoio, acompañamento e mellora de infraestruturas básicas para as persoas que viven no rural de Galicia, co obxectivo de combater o illamento e contribuír a frear o despoboamento destas zonas.