A Asociación Cultural Huhú abre a convocatoria para o número 10 da revista Macheta

SarriaXa
A nova edición levará por título 'Canto peregrino' e manterá aberto o prazo de recepción de colaboracións ata o 1 de xullo
presentacion-Macheta-9-Sarria
28 Apr 2026

A Asociación Cultural Huhú abriu a convocatoria para participar no número 10 da súa revista Macheta, unha publicación caracterizada polo seu ton libre, creativo e aberto á experimentación artística. Nesta ocasión, a nova edición levará por título 'Canto peregrino'.

A entidade convida a enviar todo tipo de achegas, desde textos literarios ata cómic, deseño gráfico, collage, apuntamentos, listas da compra, imaxes, fragmentos, rarezas e propostas difíciles de clasificar. Nun ton irónico habitual da publicación, tamén sinalan que aceptan billetes de 50 euros, aínda que unicamente en formato orixinal.

Como en anteriores edicións, a organización indica que publicará todas as colaboracións recibidas, agás aquelas que teñan carácter publicitario ou promocional, xa sexa comercial, institucional, militante ou presentado baixo outra aparencia.

As bases establecen unha extensión máxima de dúas caras de folio ou entre 750 e 1.000 palabras. No caso de superar ese límite, a asociación advirte con humor de que se reserva o dereito a imprimir os textos nun tamaño de letra similar ao dos prospectos do paracetamol.

A convocatoria admite traballos en calquera idioma e, segundo sinalan desde Huhú, se o contido non se entende “xa é cousa vosa”.

O prazo para remitir colaboracións permanecerá aberto ata o próximo 1 de xullo. Con esta nova chamada, Macheta alcanza o seu décimo número consolidándose como un espazo alternativo de creación e participación cultural.

0.11979603767395