A Asociación Galega de Custodia do Territorio promoveu en Samos unha xornada sobre fauna no monte de Toca

A Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT) vén de desenvolver unha nova xornada divulgativa no monte de alto valor natural de Toca, no municipio de Samos, co obxectivo de achegar á cidadanía o coñecemento da biodiversidade presente neste espazo.
A actividade enmárcase nun acordo de colaboración asinado entre a AGCT e Cruz Roja Española en Lugo, que permite a organización de diferentes accións de sensibilización ambiental. Nesta ocasión, a sesión estivo centrada na identificación de rastros e pegadas de mamíferos, unha proposta orientada a mellorar o coñecemento da fauna salvaxe da zona e a fomentar o respecto polos ecosistemas naturais.
Desde a organización destacan a boa acollida destas iniciativas, que combinan divulgación e contacto directo co medio natural, contribuíndo á posta en valor de espazos de alto interese ecolóxico como o monte de Toca.
As actividades terán continuidade o vindeiro 31 de maio, data na que se celebrará unha nova xornada centrada nesta ocasión nas aves, mantendo así a programación de educación ambiental prevista para este espazo natural.