A Asociación Protectora Huellas de Sarria organiza a IV Feira Solidaria “Buenas Pulgas” o 6 de setembro

A Asociación Protectora Huellas de Sarria organiza o vindeiro domingo 6 de setembro a IV edición da Feira Solidaria “Buenas Pulgas”, unha cita que nace co obxectivo de recadar fondos e materiais para apoiar o labor das asociacións e colectivos vinculados á protección e benestar dos animais.
Nesta cuarta edición, a feira presenta como principal novidade o cambio de localización. O evento trasladarase á Sociedade Cultural La Unión, que cedeu o seu espazo para facer posible a celebración e ofreceu, segundo explica a organización, “moitísimas facilidades” para a posta en marcha da iniciativa.
A xornada desenvolverase en horario de 12:00 a 20:00 horas e contará con propostas para todos os públicos. Entre elas haberá un mercadiño con roupa e obxectos vintage, artesanía e outros artigos, ademais de diferentes actividades.
A programación incluirá tamén un recuncho de doazóns, no que se poderán achegar produtos e materiais necesarios para os animais, como penso, comida húmida, lambetadas, feno, correas ou area, entre outros.
Un dos atractivos desta edición será a celebración dunha sesión vermú con música en directo, organizada coa colaboración da Sociedade Cultural La Unión. A programación completarase con música, picoteo e unha lotería de Nadal.
Desde Huellas de Sarria destacan a importancia da colaboración da Sociedade Cultural La Unión, que permitiu contar cun novo espazo para esta cuarta edición e contribuíu a facilitar a organización dunha xornada solidaria e de convivencia.
A IV Feira Solidaria “Buenas Pulgas” busca así reunir á veciñanza nunha xornada de carácter festivo e solidario, ao tempo que contribúe a apoiar o traballo das entidades dedicadas á protección dos animais.